in

O pano do Teatro Principal de Tui será exposto durante as festas de San Telmo

telontui |

O pano do Teatro Principal será exposto no mes de abril durante as festas de San Telmo tras realizar unha limpeza e análise do mesmo.

A pasada semana levouse a cabo o exame organoléptico para avaliar o estado de conservación da cortina de boca do Teatro Principal. Segundo a especialista en conservación, a peza a pesar da súa manifesta deterioración, presentaba a nivel de soporte a suficiente resistencia para ser exhibido.

O pano foi pintado polo artista tudense Benigno Lorenzo con motivo da celebración dos Xogos Florais de Galicia de 1891. Nel represéntase un pórtico aberto cara un xardín e unha paisaxe arborada no horizonte enmarcados por unha espléndida cortinaxe vermella e elementos arquitectónicos. Simbolicamente, aparecen representados unha palmeira coroada por unha lira, en alusión ao renacemento literario de Galicia. A criterio do catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez García, trátase do mellor exemplo de pintura escenográfica que actualmente se conserva en Galicia. A peza, orixinalmente completábase na parte superior cunha gardamalleta orixinal de 1844 onde aparecía representado o escudo municipal, que perdeuse tralo colapso da teitume do inmoble.

O soporte está realizado en tecido de algodón, conformando un total de seis faixas verticais cosidas entre si. Sobre o mesmo presenta unha capa de preparación vermella composta a base de cola natural con carga terrosa sobre a que finalmente aplicouse a cor.


Publicidade

A peza foi depositada pola Fundación Teatro Principal en dependencias da Área Panorámica en 2006, onde permaneceu embalada ata a semana pasada. Xa naquela altura presentaba notables danos. A nivel estrutural presenta faltas e rasgaduras na parte inferior do soporte e a nivel pictórico perdeu parte da policromía e especialmente o brillo. Esta deterioración foi debida a un incorrecto sistema de almacenamento e a unhas condicións de humidade e temperatura absolutamente adversas producidas antes do seu depósito na Área Panorámica.

No próximo mes, será sometido a unha limpeza superficial para a eliminación de residuos e fungos e posteriormente levarase a cabo a fixación da policromía. Unha vez concluídos estes traballos será exposto durante as festas de San Telmo nunha sala que mantén unhas condicións climáticas estables e que presenta a característica de que se atopa a dobre altura. Deste xeito o espectador poderá observar a peza dun modo semellante a como se estivese na platea ou nos palcos do teatro. A exposición dará a coñecer este elemento singular do patrimonio tudense e de Galicia, oculto durante case 50 anos e ao mesmo tempo permitirá a súa necesaria ventilación e estiramento. Non obstante, nun futuro inmediato será necesaria unha intervención para a súa completa restauración.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

theatre 2535552 1280 |

Chega a IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” de Zas

Unhanoitenapraia |

Carlos Blanco e Touriñán volven xuntos aos teatros