A vila morracense acollerá entre o 28 de xuño e o 6 de xullo un gran número de espectáculos cómicos e festivos para todos os públicos.
O venres 28 de xuño arrancará a 36 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Ata o 6 de xullo, o Auditorio Municipal, praias, rúas, prazas, a Capela do Hospital e outros espazos alternativos acollerán espectáculos das artes escénicas que, un ano máis, farán as delicias de todo tipo de público: infantil, xuvenil, familiar,…
O cartel da XXXVI Mostra de Cangas é obra do deseñador gráfico, ilustrador e viñetista Luís Davila. Deste xeito, a Mostra prosegue a liña iniciada hai xa varios anos de encargar o cartel das diferentes edicións a persoas de recoñecido prestixio no ámbito das artes plásticas ou da pintura.
Os 36 carteis que anunciaron a MITCFC particularizan e diferencian cada unha das edicións, complementando a imaxe corporativa da Mostra, un logotipo creado polo artista local Manuel Pizcueta, sempre presente en todas as comunicacións.
Nos últimos anos, artistas como Pablo Giráldez “O Pastor”, Milicia Gráfica, Pancho Lapeña, Susana Rey, Diego Seixo ou María Mazás contribuíron coas súas creacións a proxectar a imaxe da Mostra morracense, comprimindo nun cartel a información que quere transmitir e anunciar, invitando e abrindo ao público a porta da gran festa do teatro e o humor que é a MITCFC.
Este ano, en consecuencia, os responsables da Mostra foron á procura dun encontro con Luís Davila, moi coñecido polo seu traballo O Bichero para Faro de Vigo. Os camiños deste xenial creador e a MITCFC estaban obrigados a atoparse, non só pola proximidade xeográfica senón polos valores que defenden: a crítica social e o humor autóctono e universal de Davila, conectan de cheo tanto co espírito desta Mostra como de toda cidadanía do Morrazo.
A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acollerá ao longo dos 9 días un gran número de espectáculos, estreas absolutas e estreas en Galicia. Ademais, levaranse a cabo, como en edicións anteriores, actividades tan consolidadas como o Revoltallo en Pedra, o Torneo de Dramaturxia, xornadas profesionais de teatro, coloquios entre público e artistas, cursos de formación e varios premios….
Este ano, as Xornadas Mulleres en Acción chegan á súa XIX edición. Trátase dunha aposta decidida da MITCFC a prol da paridade e denuncia das discriminacións laborais e de xénero que sofren as mulleres de calquera ámbito social. Mulleres en Acción contará coa participación de persoas con recoñecida traxectoria feminista, artística ou profesional.
Na presentación do cartel da Mostra estiveron presentes, ademais de Luís Davila, María Xosé Mariño, “Che”, presidenta da Asociación Cultural Xiria; María Armesto, directora artística da MITCFC; Salvador Del Río, coordinador xeral da MITCFC; Juan José Pérez, director do Auditorio Municipal e outros membros da organización.