in

O CDG estrea ‘Neorretranca e posmorriña’

Neorretrancaposmorriña2 |
As dúas pezas do espectáculo –Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte– ofrecen dúas olladas diferentes sobre a identidade galega como eixo temático común

 

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves día 11 no Salón Teatro de Santiago a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de 10 actrices. Baixo este título, a compañía pública pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, que lle ofrecen ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega como punto de partida común.

Este eixo temático compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.

Os dous textos que conforman Neorretranca e posmorriña preséntanse como dúas pezas independentes e completamente diferentes, tanto desde o punto de vista estético como desde a súa forma de entender a dramaturxia. Porén, ambas as obras foron abordadas de xeito flexible pola dirección escénica para incorporar as achegas e a enerxía grupal, que todo o equipo coincidiu en destacar ao respecto do proceso de ensaios. Así mesmo, tamén teñen como común denominador a súa ollada aceda e retranqueira sobre a identidade galega.

A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se levantou Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.

Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes desta obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankestein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.

 

Diversidade xeracional e artística


Publicidade

Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.

O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballa na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.

 

Funcións 

Neorretranca e posmorriña poderá verse ata o 5 de maio no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 19 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os días 23, 24 e 29 de abril para alumnado de institutos.

O espectáculo iniciará despois unha xira de dous meses durante a que se exhibirá en Tui (Teatro Municipal, 10 de maio), Pontevedra (Auditorio Afundación, 17 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 24 e 25 de maio), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 31 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 14 de xuño) e Vigo (Teatro Afundacion, 5 de xullo).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Falandoabocachea2018 |

Comeza a III edición de “Falando a boca chea” na Coruña

@TunaTNsj |

Marlene Montero Freitas e Martin Crimp no TNSJ do Porto