in

Narradorxs orais reclámanlle á Xunta a mellora da rede de contratación nas bibliotecas

redebibliotecas |

O Colectivo de Narradoras e Narradores Orais de Galicia –integrado por 52 profesionais, asociacións, empresas galegas e cooperativas dedicadas á narración oral e que habitualmente desenvolven parte importante do seu traballo nas bibliotecas de Galicia ao abeiro do programa Ler Conta Moito que promove a Dirección Xeral de Políticas Culturais– vén de asinar un manifesto no que cifra nun 22% as perdas do colectivo por mor da política de contratación da Xunta nas bibliotecas.

O manifesto relata que no ano 2018 os narradores e narradoras participantes no catálogo só puideron ser contratados nos meses de maio (dende o día 16), xuño, xullo, agosto, setembro e outubro e que, neste 2019, a tendencia continúa.

O colectivo sinala a “sorpendente falta de coherencia dun programa que intenta fomentar as actividades que se circunscriben ou potencian datas culturais significativas tal que o día da Muller (8 de marzo), o día da Narración Oral (20 de marzo), o Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día do Libro (23 de abril), o Día das Letras Galegas (17 de maio), o Día da Biblioteca (24 de outubro), o Día contra a violencia de xénero (24 de novembro) cando a maioría das devanditas datas quedan fóra das posibilidades reais de programación o que significa unha grande perda de carga laboral”.

Ademais, engaden, “os profesionais da cultura realizan propostas que se acollen ás peticións das institucións para determinadas celebracións”, pero logo, de facto, “esas propostas non teñen cabida, pois a propia institución exclúe as devanditas datas do período de programación”, coa conseguinte perda para os creadores.

Como consecuencia destas políticas, afirman, “o colectivo perdeu no ano 2018 cerca dun 22% da súa facturación, chegando nalgún caso particular ao 50%”.

O manifesto sinala que “un programa que ten por obxectivos fortalecer a biblioteca como espazo de relación e fomentar a lectura como fonte de coñecemento, entre outros, non se pode reducir practicamente aos meses do verán cando, como é obvio, decae notablemente o número de usuarios das bibliotecas” e subliña que os usuarios das bibliotecas “perden programación de actividades culturais nos meses do outono e do inverno, meses nos que o público é máis proclive a asistir ás bibliotecas”.


Publicidade

En consecuencia, piden que a programación se estenda a todo ano para que as bibliotecas poidan confeccionar os seus calendarios de actividades cando mellor consideren e sexan máis efectivas para os seus obxectivos de fomentar o hábito da lectura, fortalecer o seu papel como espazo de relación, promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo e valorar a lectura como elemento de coñecemento e reflexión”.

O escrito pecha propoñendo que os fondos públicos que se invisten nas actividades de Ler Conta Moito (345.000 € no 2019):

  • Se rendibilicen estendendo o programa a aqueles meses nos que hai máis afluencia de público ás bibliotecas e máis demanda deste tipo de actividades.
  • Sexan investidos, abrindo a posibilidade de que cada biblioteca poida decidir en que momento do ano serán máis efectivas as actividades que se programen, acorde á súa singularidade local.
  • Axuden a consolidar a profesionalización dun sector que non só é sostible, se non que xenera empregos directos en diferentes áreas que o alimentan.
  • Que o catálogo de actividades de Ler Conta Moito 2020 estea dispoñible na segunda quincena de novembro de 2019 para que as bibliotecas sexan capaces de deseñar as súas programacións xa para todo o ano, e os artistas poidan levar a cabo a súa actividade de creación e investigación coñecendo os tempos e prazos nos que levarán a cabo os espectáculos, obradoiros e demais actividades creadas específicamente para o Catálogo.

Os asinantes suxiren a posibilidade de que unha vez dispoñible o catálogo para todo o ano, as bibliotecas realizaran as súas programacións en dous prazos: 1º e 2º semestre, igual que se fai na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia e solicitan unha xuntanza para buscar unha solución axeitada e lograr unha mellora na programación de actividades que beneficie a todos os sectores implicados e en especial aos usuarios das bibliotecas, despois de sinalar que “Ler Conta Moito chegou a 223 bibliotecas con 761 actividades, sendo un programa exemplar desde o punto de vista da democratización cultural de Galicia. A gran versatilidade e variedade das propostas ofertadas, a amplitude xeográfica onde chegan, o número enorme de receptores, a súa facultade de dinamizar desde a biblioteca a vida cultural de pequenos núcleos de poboación e a cantidade de profesionais implicados no programa Ler Conta Moito, fan necesaria a revisión do mesmo para tratalo co respecto que merece e optimizar os recursos”.

Asinan o escrito TrinkeTrinke Teatro, Anxo Moure, Raquel Queizás ,Cris de Caldas, Olga Abad, Pedro Brandariz, Andrea Bayer, Angeles Goás, Carmen Conde, Marta Ortiz, Brais das Hortas, Larraitz Urruzola, Ana Meilán, Andrea Meyer, Nekane Fernández, Cris Collazo, Iseo a Moura, Fran Campos, María Iglesias, Charo Pita, Pavis Pavós, Esteban Acuñas Tarabelos, Chus Alvarez, Vanessa Rivas, Isabel Rey., Kukas, Caxoto, Lorena Pinheiro, Avelino González, Polo Correo do Vento, Ana Carreira, Monica e Juan de Juste, Servando Barreiro, Fátima Fernández, Vero Rilo, Dani Blanco, Celso Sanmartin, Inacio Vilariño, Ramiro Neira, Paula Carballeira, Atenea Fernández, Lois Pérez, Gonçalo Guerreiro, María Torres, Ernesto Is, Pablísimo, Santi Prego, Quico Cadaval, Soledad Felloza., Isabel Risco, Fátima Villamel, Cándido Pazó, Pablo Díaz, Eduardo Rodríguez Cunha e Bea Campos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BarrigaVerdeExpo2 |

Barriga Verde no museo etnográfico de Castela e León

Cartoons |

PT Excéntricas estrea’ Cartoóns’ en Rianxo