O coreógrafo e bailarín Daniel Abreu, Premio Nacional de Danza 2014, obtivo por La desnudez tres galardóns na última edición dos Premios Max (Mellor Espectáculo de Danza, Mellor Intérprete Masculino de Danza e Mejor Coreografía), o que converteu a obra na gran triunfadora da edición 2018. Dous anos despois da súa estrea, La desnudez inicia unha pequena xira por Galicia que levará a obra a Ourense (25 de abril), Vigo (26 de abril), Compostela (27 de abril) e, finalmente, ao Primavera en Danza de Carballo (4 de maio).
La desnudez –que xa se puido ver no Festival Isto Ferve do Teatro Ensalle de Vigo e no ciclo TRC Danza do Rosalía de Castro da Coruña– é unha proposta poética sobre o saber quererse, sen xuízos; dúas persoas en escena (o propio Daniel Abreu e a bailarina Dácil González), apuntan unha idea de polaridade e unha viaxe dende a morte ao amor, acompañados nesa viaxe pola música en directo de Hugo Portas. Na obra non só se goza da coreografía, senón tamén de fermosas escenas fotográficas e dunha densidade dramática que invita ao espectador a lela dende diferentes puntos de vista.
A obra é o resultado de dous anos de traballo e investigación de Daniel Abreu. En palabras do creador,”o material coreográfico en La desnudez móvese entre o amor e a morte. E é que este traballo vai diso, de suxerir un paseo no polar. Un home e unha muller que se moven e van tocando todo o que alcanzan. E, ao tempo van construíndo algo líquido, moi acorde coa sociedade moderna”.