A colaboración entre o DDD e o FITEI pode ser considerada como o maior festival de artes performativas de Portugal, con máis de 60 espectáculos entre o 24 de abril e o 25 de maio no Porto, Matosinhos, Gaia e Viana do Castelo.
| Foto: Mats Bäcker (Autodance do Ballet da Ópera de Gotemburgo) |
O DDD (Dias da Dança) e o FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica) uniranse nun só festival que xunta Porto, Matosinhos, Gaia e Viana do Castelo. A colaboración dos dous festivais convértese nun grande evento no Norte de Portugal: ao longo de 32 días presentaranse 66 espectáculos.
O DDD+FITEI contempla dous eixos comúns aos dous festivais: a “Semana +” e o “Foco Brasil”. Na “Semana +” presentaranse proxectos portugueses a máis de 80 programadores de todo o mundo. No “Foco Brasil”, a creación brasileira será a protagonista, tentando dar conta da evolución artística do paísnun contexto de crise política.
A programación comeza esta mesma semana coa danza do DDD mirando cara ao Brasil: este mércores 24 de abril, preséntase no Teatro Rivoli Looping: Bahia Overdub, de Felipe de Assis, Leonardo França & Rita Aquino, un espectáculo que trae os bailes de rúa de Salvador da Bahia ao Porto, para presentar tensións através dunha participación estético-política
O Dias da Dança, que xa vai pola cuarta edición, mantén o modelo de presentación de espectáculos en salas (DDD In), e na rúa (DDD Out), coa colaboración xa habitual do Balleteatro. Ademais, hai obradoiros programados para profesionais e estudantes, así como, masterclasses, encontros, cinema e festas.
O FITEI, que xa vai pola 42ª edición, comeza o 15 de maio, co tema “Brasil Descolonizado”. Neste capítulo, destacan espectáculos como Democracia, de Felipe Hirsch, Tchekhov é um Cogumelo, da compañía Lusco-Fusco, Preto, de Márcio Abreu ou Odisseia, da Cia. Hiato, unha peza de cinco horas de duración, inspirada na Odisea de Homero e dirixida por Leonardo Moreira. Ademais, regresa o arxentino Federico León, que presentará Yo escribo, vos dibujás.
Tamén o DDD se fixa na danza contemporánea brasileira, presentando –ademais da obra que a bre ofestival, traballos de artistas como Lia Rodrigues (Fúria) ou Marcelo Evelin (A Invenção da Maldade), ademais de obras do francés Christian Rizzo, do chinés Tao Dance Theater, da espanhola Amalia Fernández, do italiano Marco D’Agostin, ou do Ballet da Ópera de Gotemburgo (que pechará o festival no Coliseu do Porto con dous espectáculos, Skid e Autodance), entre outros.
Dentro da produción portuguesa, destacan as creacións de Vera Mantero, Tânia Carvalho e Clara Andermatt, entre outros nomes mais novos, como Ana Rita Teodoro, Ana Isabel Castro e Flávio Rodrigues.
A unión dos dous festivais pasará por escenarios como os do Teatro Municipal Rivoli, o TNSJ, o Teatro Constantino Nery, o Armazém 22, o Municipal Sá de Miranda ou lugares menos convencionais, como as sedes dos Fenianos Portuenses ou do Guindalense F.C.