A programación do Festival Internacional de Títeres de Redondela refórzase este sábado con máis espectáculos itinerantes e música con compañías de El Salvador, Arxentina, Bélxica, Euskadi, Cataluña, Castela e León e Cantabria.
O XX Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) desprega hoxe sábado un completo programa con 25 actividades a cargo de 15 compañías da máis variada procendencia. O salvadoreño de Ocelot Teatro será o encargado de abrir o pano con La historia de un huevo perdido ás 13:00 na carpa da Praza do Concello, unha proposta de monicreques de luva no que o axente secreto ‘Don Choco’ vivirá unha divertidísima aventura mentres intenta recuperar un ovo roubado.
Xa pola tarde, o arxentino de Pizzicatto Títeres será o encargado de arrancar a programación con A todo trapo na carpa da Praza do Concello ás 17:30. Unha historia de amor, acción e disparates que, con uns poucos trapos e maxia nas mans, fará nacer personaxes eternos da poética das pampas, e que tamén se poderá ver no mesmo espazo ás 20:30.
A carpa da Alameda será o escenario no que José Amaya, de Ocelot Teatro, representará outra das súas pezas, Dondésh y Pitón ás 18:00 e ás 19:30; mentres que o Campo da Petanca acollerá Fuenteovejuna, dos madrileños de Sol y Tierra Títeres ás 19:00. Unha versión do clásico de Lope de Vega no que o pobo estará representado por ovellas e o Comendador é un can, adaptando a historia a un mundo próximo ás fábulas, máis inocente e sinxelo, para adecualo ao público infantil.
A Rúa Salgueiral, outro dos espazos abertos polo Festival para chegar a todos os recunchos da vila, acollerá a obra Tuga hace el payaso dos aragoneses de Títeres sin Cabeza ás 19:30, e media hora despois, ás 20:00, Mutis Teatro encherá a carpa da Casa da Torre con El tesoro de la Serpiente Guaguadú. Unha obra na que a compañía de Castela e León trasladará ao espectador ás entrañas de África, onde os seus protagonistas farán todo o posible para descubrir o tesouro da serpe Guaguadú.
Os itinerantes e a música, protagonistas da xornada
Pero se algo sobresae na programación do sábado serán os espectáculos itinerantes, reforzados este ano para celebrar a 20ª edición, con compañías procedentes de Bélxica, Cataluña, Cantabria e Euskadi. O primeiro pase itinerante sairá dos Soportais ás 18:00, coa ave xigante de Les Contes d’Asphaltdt, que volverá pasear o seu Octaaph por Afonso XII ás 20:30.
Xip-Xap Teatre traerá Rum Rum… Trasto Karts ás rúas principais de Redondela (Afonso XII e Ribeira) ás 18:30 e ás 21:00. Unha carreira de coches no que un malvado porá todas as trampas a un científico tolo que, grazas ao seu enxeño, conseguirá esquivalas. Todo iso narrado por un comentarista deportivo que se transformará nun mecánico ou nun policía segundo a necesidade do momento.
Os cántabros de MG Producciones e os seus Granujas a todo ritmo encherán de música e diversión as rúas da vila ás 19:00 e ás 21:30, e os Tambours de feu dos vascos de Deabru Beltzak pecharán a xornada ás 22:15 na Praza da Torre coa súa tamborada chea de lume, pirotecnia e efectos especiais.
A nota musical da xornada correrá a cargo de Cé Orquestra Pantasma, cun repaso por xéneros tan dispares como a música tradicional, o rock, cantautores e a tralla verbeneira, e poderá desfrutarse na Carpa da Pista da Xunqueira ás 18:00 e ás 20:00.
As actividades de rúa complementaranse nesta xornada cos tradicionais Títeres pola Gorra e os brinquedos populares que A Casa dos Xogos traerá á carpa da Pista da Xunqueira dende as 17:00 ás 21:00. O teatro portátil que franceses Theatre Jaleo teñen instalado na Feira do Gando acollerán tamén dúas sesións do seu cabaret Edén ás 20:30h e ás 23:00h, cun prezo único de entrada de 5€.
Titiriguiri e La Chana na sala
A programación de sala terá como protagonistas aos madrileños de Titiriguiri e a La Chana Teatro, de Castela e León. O primeiro será o encargado da función infantil, cun pase ás 17:00 de Pérez, el Ratoncito no hace, se hace; mentres que La Chana escenificará Del Lazarillo de Tormes ás 21:00h.
As entradas para as funcións de sala teñen un prezo de 6€ adultos e 4€ nenos, e poderanse mercar na billeteira do Multiusos dende unha hora antes, no caso das funcións das 17:00, e dende as 19:00 para as sesións de noite. Coma sempre, ata non completar o 50% do aforo, poderanse adquirir billetes para calquera representación. Tamén no Multiúsos, pero desta volta na sala de exposicións, poderá visitarse gratuitamente a mostra “Marionetas do mundo. Un mundo de marionetas” de Viravolta Títeres.