in

A ESAD celebra o Dia dos Museos en Pontevedra

EsadMuseoPontevedra |
A ESAD presenta un proxecto pedagóxico baseado na coreografía de Pina Bausch para A Consagración da Primavera de Stravinski.

 

Cada ano desde 1977, o ICOM organiza o Día Internacional dos Museos (DIM), cuxo obxectivo é concienciar sobre a importancia dos museos como lugar para o intercambio cultural, o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. Cada 18 de maio ou arredor desta data, desde hai 42 anos, celébranse por todo o mundo eventos e actividades cun lema común que se escolle anualmente. Este ano é “Os museos como eixes culturais: o futuro da tradición”. Este ano coincide tamén no mesmo día a celebración mundial da Noite Europea dos Museos

O Museo de Pontevedra súmase un ano máis a esta celebración este sábado día 18 engadindo ás actividades de todas as fins de semana, a posibilidade de visitar o Sexto Edificio e o anexo Sarmiento ata as doce da noite. Ademais haberá visitas guiadas especiais este día ás 11:00, 12:00, 17:00 e 18:00, para aquelas persoas que se acheguen de xeito individual e que estean interesadas en facer unha visita na que se lles achegue información que por libre seguramente non terían. Non é preciso inscribirse previamente.

Publicidade

Por outra banda, un ano máis a ESAD de Galicia colabora co Museo para ofrecer ao público a posibilidade de asistir a unha representación onde as artes escénicas e as belas artes se fusionan.

A Consagración da Primavera: cando Pina Bausch danzou coa música de Stravinski é un proxecto de carácter pedagóxico que integra dúas especialidades da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Interpretación e Escenografía, coa participación dunha alumna de 4º de Dirección Escénica. A proposta pretende amosar un traballo de integración de danza-teatro-música, no espazo do Sexto, a partir da xa mítica coreografía A consagración da primavera creada en 1913 con música de Igor Stravinski, por encargo da famosa compañía Ballets Rusos de Serguei Diaguilev, con coreografía orixinal de Vaslav Nijinsky e escenografía e vestiario de Nicholas Roerich. A súa estrea produciuse en París e, dado o carácter vangardista da música e as singularidades da coreografía, xerou reaccións moi encontradas desde o entusiasmo duns poucos ata a aberta indignación dunha parte maioritaria da audiencia.

A bailarina e coreógrafa alemá Pina Bausch retomou esta coreografía en 1975 para a Wuppertal Opera Ballet, que máis tarde rebautizaría como o Tanztheater Wuppertal. Pina Bausch foi unha das creadoras máis influíntes da escena contemporánea europea do século XX, e A consagración da primavera, foi a primeira peza que marcou unha revolucionaria carreira de éxitos internacionais da autora, dentro da danza/teatro.

A proposta da ESAD de Galicia, baseada na coreografía de Pina Baush e adaptada para estudantes de interpretación actoral, achégase aos preceptos da interpretación da danza-teatro, aínda que respecta as dúas partes na que se basea a partitura musical e a coreografía. Así, a primeira parte, a adoración da terra, interpretarase na primeira planta do Sexto, mentres que a segunda, o sacrificio, ímolo poder apreciar no espazo de cristal da planta baixa.

Celebraranse dúas sesións: a primeira ás 19:00 e unha segunda ás 21:30. A entrada é libre ata completar a capacidade das instalacións.

 

PARTICIPANTES

Docentes: David Mortol Moreno (escenografía) e Ángeles Gayoso Diz (danza para actores/actrices).

Alumnado: Carmen Casal Fraga, Denise Freire de Armas, Daniel Rodríguez Iglesias, Sofía Torreiro Naya e María Torres Piñeiro, Wendy Barros García, Andrea Blanco Dios, Ana Fernández Sánchez, Marcos Grandal Tojeiro, Laura Jamardo Ventoso, Iago Lavandeira García, Jacobo Mo Caeiro, Ignacio Eduardo Pena Maceda, Claudio Rodríguez Suárez, Sonsoles Tordable Otero, Alejandro Álvarez Díaz, Catuxa Fabeiro Pardal, Marcos Daniel Fernández Martínez, Ana Raquel García Pedreira, Esteban González Fernández, Andrea Iglesias Peiteado, Óscar López Serantes, Paola Piñeiro Martínez, Yaiza Portela Costa, Helena Pousada Godas, Sabela Solla Simón, Marcos Souto Fuentes, Mª Belén Yáñez Mateo.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CaballsdeMenorca |

O Festival de Títeres de Redondela celebra o Día das Letras con 25 espectáculos

Octaaph |

Quince compañías internacionais enchen Redondela de Títeres este sábado