in

Comeza a 38ª edición do Fazer a Festa en Maia

OAutomato |

A 38ª edición do festival Fazer a Festa – Festival Internacional de Teatro para a Infância e Juventude de Maia, celébrase dende o 28 de maio ao 3 de xuño de 2019, organizada polo Teatro Art´Imagem, nos distintos espazos da Quinta da Caverneira, en Águas Santa/Maia.

Nesta edición, o festival continúa co proxecto iniciado o ano pasado e céntrase na presentación de espectáculos, compañías e creadores e no debate sobre a actualidade para se converter nun foro anual dos que fan, pensan, escriben, divulgan e acompañan regularmente o teatro dirixido especialmente aos pequenos e novos públicos.

Durante sete días presentaranse seis espectáculos diferentes en sete sesións programadas, sempre seguidos de conversas cos espectadores en encontros denominados “Vozes do Público”.

As compañías participantes, seis en total, son as portuguesas Teatro do Noroeste-CDV, de Viana do Castelo; Fértil Cultural de V.N. de Famalicão e Quinta Parede, de Matosinhos; e as chegadas de varias comunidades do Estado Español, Karlik Danza Teatro/La Nave del Duende, de Estremadura, Fundición de Sevilla & Oriolo, de Andalucía e Txo Títeles, de Catalunya.

Os espectáculos e compañías seleccionados presentarán pezas de disciplinas teatrais e de autores e directores diversos, dando lugar a unha mestura de traxectos teatrais xa consolidados e outros mais novos, con temas e abordaxes contemporáneas que non esquecen o mundo no que vivimos.

Durante a semana, os espectáculos terán lugar ás 21:30 permitindo así que crianzas e mozos vexan os espectáculos cos seus familiares adultos e, na fin de semana, durante a tarde. As obras programadas para a tarde representaranse ao ar libre no espazo da Quinta e no Auditorio.

Unha exposición, “Ex-votos Teatrais – José Caldas, 40 anos de Teatro” e unha homenaxe a este autor e director de escena brasileiro que escolleu hai moito exercer a súa actividade artística en Portugal, abre o Festival.

No primeiro día, coa presenza de mais de dúas decenas de participantes que representan compañías, Festivais de Teatro, espazos e programadores, asociacións de teatro para a infancia e a mocidade, revistas e autores ou ensaístas, vindos de toda a península, falarán nun Faladoiro / Encontro sobre o tema “O lugar da Palavra no Teatro para os jovens públicos”.

Durante tres días (mércores, xoves e venres ás 17:30), na Biblioteca, desenvolverase un programa de presentación e divulgación do traballo artístico de cinco compañías de teatro e un Festival: Te-Ato de Leiria; Festival I/D´Orfeu, de Águeda; Casa da Esquina, de Coimbra; Carruagem, do Porto; PIM Teatro, de Évora; e Teatro O Bando, de Palmela.

Ademais, unha Feira do Libro e de Textos de Teatro para os mais novos terá lugar durante o festival.


Publicidade

No día derradeiro do Festival haberá un “Último Acto”, unha reflexión crítica sobre os espectáculos e programación presentados, no que dous creadores convidados que asistisen a todas as obras, conversarán e debaterán co público as súas opinións.

Á 18:00 do 3 de xuño, antes dun encontro final de confraternización que xuntará os participantes no Fazer a Festa, o Teatro Art´Imagem presentará os exemplares nº 1 e 2 dos “Novos Cadernos Fazer a Festa” que darán a coñecer as actas dos debates e encontros que o Festival ten realizado e que tratarán tamén diversos aspectos do teatro para os mais novos. Estes cadernos sairán, a partir de agora, en cada unha das edicións do Festival.

O Fazer a Festa desvélase como un Festival que –camiño xa da súa 40ª edición– une a presentación de espectáculos e un conxunto de mais de media centena de profesionais e creadores en encontros, debates, exposicións e publicacións, que se pretende que poida constituír no futuro unha espécie de “observatorio” da actualidade e memoria do teatro que se fixo, que se fai e que se debe facer para os públicos mais novos.

 

Programa

 

 

FazerAFesta2019 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CongresoTeatro |

Chamamento para contribucións ao I Congreso Internacional do Teatro Galego

CircoDePulgas16 |

Ana Vallés opta hoxe ao Premio Max á Mellor Dirección