A finais de maio arranca o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2019, e irá rotando polas sedes de Afundación ata o mes de outubro. Diferentes colectivos levarán as súas obras de teatro para amosar as capacidades de persoas con discapacidade intelectual.
A Fundación ADCOR será a encargada de inaugurar este festival o próximo 29 de maio no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela, onde ofrecerán a representación da obra Asterix y Obelix. A proposta continuará no Teatro Afundación de Vigo o 12 de xuño da man de ACEESCA, quen interpretarán A tía Lambida. No mes de setembro, o día 25, será PRODEME quen saia á escena na Sede Afundación da Coruña para representar Un funeral para morrer coa risa. O festival pecha o 10 de outubro co Centro Méndez Núñez na Sede Afundación de Pontevedra con Años con corazón.
Desde a crenza de que as artes escénicas son un espazo de desenvolvemento persoal e posúen a capacidade de transformar a sociedade, Afundación defende “a necesidade de xerar os contextos e as condicións para que alguén con talento, capacidades e entusiasmo, poida ser parte activa da representación escénica. A complicidade de toda a sociedade é necesaria para que as persoas que se atopan en situación de desigualdade sintan a forza necesaria que as empuxe a perseverar na consecución do seu empoderamento e sortear así as numerosas dificultades con que se atopan no seu día a día”.
Special Olympics Galicia sinala como obxectivo xeral a inserción social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva, o lecer e calquera outra actividade. O fin é integrárense na sociedade con aceptación e respecto, proporcionándolles oportunidades para se converteren en habitantes de pleno dereito. Neste sentido, a representación teatral contribúe en gran medida a acadar a meta exposta. Ademais, favorece unha contorna comunitaria para a participación social das persoas con discapacidade intelectual, fai visible as súas propias capacidades, potencia as habilidades e destrezas para relacionarse, divulga unha imaxe positiva e respectuosa, traballa a memoria e actividade mental e achega a discapacidade a toda a sociedade de maneira natural.
PROGRAMA
Asterix y Obelix | 29 de maio | Auditorio ABANCA de Santiago
A tía Lambida | 12 de xuño | Teatro Afundación Vigo
Un funeral para morrer coa risa | 25 de setembro | Sede Afundación da Coruña
Años con corazón | 10 de outubro | Sede Afundación de Pontevedra
Entrada de balde, previa reserva a través de Ataquilla.com