in

Última xornada de Galicia Escena Pro

IdiotaRedrum09 |
O apartado de ‘networking’ reforzouse este ano cos Cafescena, as Noitescena PRO e a figura do facilitador, quen impulsou e coordinou a axenda de xuntanzas entre os máis de 150 axentes culturais acreditados.

 

O mercado Galicia Escena PRO 2019 chega hoxe ao seu fin tras catro intensas xornadas de actividade arredor da exhibición de 20 espectáculos de teatro e danza e do intercambio entre os máis de 150 axentes culturais acreditados na súa sétima edición, que se desenvolve desde o pasado luns en diferentes espazos de Santiago de Compostela.

A carteleira desta última xornada ofrece catro propostas galegas a cargo de A Xanela do Maxín, Redrum Teatro, Malasombra Producións e Contraproducións, ás que o público poderá acceder de xeito gratuíto en función das localidades dispoñibles. Os convites poderán retirarse no espazo correspondente desde unha hora antes do inicio do espectáculo.

A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza é o título da montaxe que A Xanela do Maxín representará ás 11:00 na Fundación SGAE. Celtia Figueiras encargouse da dirección e da adaptación deste popular libro infantil do alemán Werner Holzwarth, que leva ás táboas xunto con Luis Vallecillo e Pablo P. Sanmamed.

Xa pola tarde, o Auditorio Abanca acollerá ás 17:30 Idiota, de Redrum Teatro, con Machi Salgado e Susana Sampedro como dúo actoral. Álex Sampayo dirixe esta versión da obra de Jordi Casanovas, que desenvolve un xogo divertido, negro e cheo de suspense arredor dunhas supostas probas psicolóxicas remuneradas.

A penúltima representación de Galicia Escena PRO chegará da man de Malasombra Producións, que se afasta da súa liña más cómica para lle presentar ao público Bernarda, un texto escrito e dirixido por José Prieto, coa coñecida obra de García Lorca como inspiración. Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja interpretan unha viúva e as súas dúas fillas mozas nunha vila de Galicia a mediados dos anos setenta. A función terá lugar ás 19:30 no Teatro Principal

Pechará a programación Contraproducións, coa posta en escena de A compañeira de piso ás 22:30 no Salón Teatro. Belén Pichel e Cándido Pazó comparten a dirección desta comedia negra na que as actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero son dúas mulleres de máis de cincuenta anos que, por diferentes circunstancias, se ven obrigadas a reconducir xuntas o tren das súas vidas descarriladas.


Publicidade

 

A escena que vén

Nesta última xornada do mercado, celebrarase tamén a xa habitual sesión de 10 presentacións en formato pitching, que estará conducida por Iria Pinheiro: C’est pas Possible! de Sempre Arriba, Carabela de Galeatro, Clausura do amor de Cámara Negra Teatro, Dreaming Juliet de Elefante Elegante, Illas desertas de ArtesaCía, Lixo de O Baúl da Tía Tola, Nun cuarto da rotonda de Acusmaser Opus, O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro, Os nenos da varíola de Pérez&Fernández e Todas as marabillas do mundo de Producións Dispersas e Voa, voa! de Talía Teatro. A cita será ás 12:30 na Fundación SGAE, onde os programadores acreditados terán a oportunidade de coñecer de primeira man un adianto do que están a preparar as compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.

Mañá darase continuidade, así mesmo, ás accións de networking coas últimas reunións xestionadas polo facilitador e dúas novas oportunidades para o debate e a reflexión. A primeira delas deseñouse como unha mesa de traballo que, baixo o título Cara a unha escena plural, terá lugar ás 10:00 no salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal. Sabela Mendoza e Caterina Varela coordinan esta actividade, a través da que se analizará a circulación dos espectáculos de danza e de creación contemporánea nos espazos escénicos galegos.

A segunda corresponde ao último dos Cafescena desta edición, no que se abordará o papel das asociacións profesionais na xestión de feiras e festivais coas intervencións de Carlos Martín, codirector artístico do festival ZGZ Escena de Zaragoza; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; e Salvador Sanz, da Secretaría de MADferia, e con Juan Rodríguez, tamén de Escena Galega, como moderador. Celebrarase ás 16:00 no Hotel Costa Vella ou, en caso de chuvia, no Centro Obra Social Abanca, onde este ano se instalou a oficina de coordinación e información de Galicia Escena PRO.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BelénPichel |

Belén Pichel, presidenta de Escena Galega: “Galicia Escena Pro debe converterse nun evento de primeira orde”

teatroprincipalcompostela |

V Mostra de Teatro nos Centros Cívicos de Compostela