in ,

V Mostra de Teatro nos Centros Cívicos de Compostela

teatroprincipalcompostela |

O Teatro Principal acollerá entre os días 17 e 22 de xuño a V Mostra de Teatro dos Centros Cívicos, na que se van presentar un total de 15 montaxes. No certame participarán os clubs de teatro dos centros cívicos do Ensanche, O Romaño, Castiñeiriño, A Rocha, Santa Marta, Fontiñas e Conxo.

A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou a V Mostra de Teatro dos Centros Cívicos, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo seu coordinador, o director teatral Xurxo Barcala. A concelleira salientou que este certame “supón unha grande oportunidade para todas as persoas que integran os grupos de teatro afeccionado xurdidos nos barrios e parroquias de Compostela, que poden mostrar o seu traballo no escenario máis emblemático de Santiago”.

Concha Fernández apuntou que “aínda que o certame comezou en 2015, as primeiras edicións desenvolvéronse nos centros cívicos de Santa Marta e Vite, e foi en 2017 cando se deu un salto cualitativa na Mostra co seu traslado ao Principal”. Na edición do ano pasado, participaron os clubs de teatro de oito centros, con case 100 integrantes; e nesta edición vanse superar esas cifras, con 11 clubs de teatro e 143 integrantes. En total, nas cinco edicións do certame terán participado máis de 550 persoas.

Pola súa banda, Xurxo Barcala mostrou o seu desexo de que a Mostra se manteña e se reforce no Teatro Principal porque “nestas edicións vimos que ten un carácter motivador para as persoas que fan teatro nos centros cívicos, que dignifica o seu traballo, e que supón un importante punto de encontro para os grupos e para os públicos”.

 

Programación


Publicidade

Este ano, na mostra participarán os grupos de teatro dos centros cívicos do Ensanche, O Romaño, Castiñeiriño, A Rocha, Santa Marta, Fontiñas e Conxo, que representarán un total de 15 montaxes. Delas, seis serán de teatro infantil e nove de teatro para adultos.

A V Mostra de Teatro dos Centros Cívicos arrincará o luns 17 de xuño cunha sesión de teatro infantil ás 18:00, na que se poderán ver as propostas dos clubs de teatro infantil do Castiñeiriño, A historia de Jack Esparrago; e do Ensanche, O secuestro da bibliotecaria. Na sesión das 21:00, xa para adultos, actuarán o Club de Teatro do Ensanche, que presentará Monstros; e o da Rocha, con A touro pasado.

O martes 18 de xuño haberá unha única sesión ás 21:00, na que participarán o Club de Teatro do Romaño, coa montaxe Desastroso; e o Club do Castiñeiriño, con Cuadros de amor y humor al fresco. Ao día seguinte, regresará o teatro infantil na sesión das 18:00. Os clubs de teatro infantil de Conxo representarán ata tres montaxes: Os tres porquiños, A historia verdadeira de excelente da consentida e belida dormente, e Mórdeme. Completará a sesión o Club de Teatro de Santa Marta, con Veredicto.

O xoves 20 de xuño haberá novamente dobre sesión: ás 18:00 para os nenos e nenas, con A maxia branca, maxia negra, do Club de Teatro Infantil de Fontiñas; e ás 21:00, dende o mesmo centro cívico, coas obras para adultos A praga e Trifurca. O venres 21 de xuño poderase ver unha única montaxe, ás 21:00, Amores, do Club de Teatro do Centro Xove da Almáciga; e a mostra pecharase o sábado 22 de xuño coa peza Un alto no camiño, do Club de Teatro de Vite, a partir das 21:00.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

IdiotaRedrum09 |

Última xornada de Galicia Escena Pro

HomenaxeGustavoPernas |

Ancorados: unha homenaxe teatral a Gustavo Pernas