in

Belén Pichel, presidenta de Escena Galega: “Galicia Escena Pro debe converterse nun evento de primeira orde”

BelénPichel |
A implicación de Escena Galega no proceso de xestión de Galicia Escena Pro é a principal novidade deste ano. Belen Pichel, a súa presidenta, considera que os cambios introducidos na feira das artes escénicas de Galicia son só un primeiro paso que se ampliará nos anos próximos. | Manuel Xestoso |

 

Compostela é nestes momentos o escenario onde se xuntan compañías de artes escénicas, distribuidores, programadores e, en xeral, todo os implicados nun mundo de acordos mercantís que fai posible que os espectáculos de teatro e danza cheguen ao público. Todos eles veñen até aquí cun mesmo obxectivo: coñecer de primeira man as propostas para a próxima temporada e pechar contratos para os vindeiros meses. A programación teatral dunha boa parte do país estase definindo, en gran medida, aquí e agora.

Galicia Escena Pro, a feira das artes escénicas de Galicia, xunta este ano a máis de 150 profesionais e, por primeira vez, a súa organización non corre só por conta da Agadic (a Axencia Galega de Industrias Culturais) senón que nela participa directamente Escena Galega, a asociación de empresas produtoras de artes escénicas. A implicación deste colectivo empresarial no proceso de xestión do evento é a principal novidade deste ano. Belén Pichel, a súa presidenta, falou coa erregueté para explicar cales son as principais novidades e adiantar cambios de maior envergadura que terán lugar nas próximas edicións.

Pasado o ecuador da feira, Pichel confesa que “aínda estamos moi dentro da organización e, xa que logo, non temos unha percepción clara de cal está sendo o recibimento das novidades, mais si estamos moi satisfeitos do funcionamento da zona profesional: está sendo un fervedoiro de citas e entrevistas e trabállase dun xeito moi vantaxoso para compañías e programadores”.

Pichel refírese ao traballo da figura do facilitador –unha novidade absoluta en Galicia Escena Pro pero habitual noutras feiras do Estado–, un coordinador que pon en contacto a programadores e compañías e que xestiona encontros entre profesionais para propiciar intercambios. Juan Rodríguez, da compañía Caramuxo, está desenvolvendo este papel en GEP2019.

“É algo que nunca se fixera, pero estamos vencendo as reticencias dos máis conservadores e demostrando que axiliza moito o traballo”, di a presidenta de Escena Galega. “Ademais, a maioría dos programadores que adoitan vir a esta feira dependen directamente dos Concellos, e estes encontros tamén lles son útiles para explicarlles ás compañías cal é a situación actual, despois dunha eleccións que van dar lugar a moitos cambios políticos”.


Publicidade

Os cambios na feira pasan, para Pichel, por lograr que se converta nunha actividade da que a cidadanía participe: “queremos que a cidade comparta un ambiente festivo que axude tamén a ensanchar o público das artes escénicas, e a recuperación do teatro de rúa é unha peza fundamental nese cometido. Cando a feira se celebraba en outubro era arriscado programar actuacións de rúa, pero nestas datas é relativamente doado e axudan a visibilizar as actividades que teñen lugar arredor do ámbito máis puramente profesional. Queremos que Galicia Escena Pro se converta nun evento de primeira orde, que traslade á ciudadanía o valor social das artes escénicas”.

A renovación de Galicia Escena Pro é un proceso que non se acaba coa introdución destas novidades, e quizais precise de cambios profundos na organización: “Ao rematarmos queremos dedicar un tempo á reflexión e avaliación dos resultados para avanzar e afondar nos cambios que fomos introducindo. Polo de agora, si podo dicir que coorganizar coa AGADIC tivo unha parte moi positiva: permitiunos detectar erros que se viñan arrastrando dende hai tempo. E tamén outra menos satisfactoria: o traballo na administración e nas organizacións privadas son moi diferentes e axustar os tempos é complicado. A experiencia deste ano dinos que talvez habería que dar o paso e asumir toda a organización da feira para que non existan eses pequenos desaxustes que aínda persisten”.

Ademais, talvez haxa que reformular Galicia Escena Pro para dar cabida a un número maior de espectáculos. “Estamos decatándonos de que debería existir a opción de que os programadores creen ás súas propias axendas dependendo dos distintos tipos de público que busquen. Cabe a posibilidade de que se programen diferentes espectáculos simultaneamente sen que iso interfira no traballo de venda”. Un tema máis polémico, acoller máis obras de fóra de Galicia, aínda está pendente de debater no seo da asociación empresarial.

Por outra banda, a proxección exterior segue sendo un ámbito que se pretende mellorar. “Pretendemos que a colaboración con Camiño Escena Norte –a agrupación de asociacións profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi– sexa algo que se prolongue no tempo e a feira pode ser unha ferramenta moi útil para potenciar os intercambios. Quixemos comezar cun proxecto pequeno para que non se nos fose das mans, pero a nosa ambición e ampliar cara a Francia e Portugal. Xa hai contactos establecidos, especialmente con Portugal, que é a saída natural dos espectáculos en galego”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EmpapeladoAmarelo08 |

As estreas protagonizan a terceira xornada de Galicia Escena Pro

IdiotaRedrum09 |

Última xornada de Galicia Escena Pro