A XXXVI Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas arranca hoxe coa programación paralela de “Mulleres en Acción”, que se abre cunha homenaxe á pianista e compositora Enma Pino, finada en 2014. Será no Auditorio municipal a partir das 19:30 e estará presentado pola directora da Mostra, María Armesto.
Enma Pino foi unha activista infatigable pola cultura; conviviu e colaborou co grupo de comunicación poética ‘Rompente’ e foi cómplice do Grupo Atlántica; formou parte de grupos emblemáticos de rock, como Bromea o qué, Bombeiros Voluntarios, Bloody Mary ou Frangos; colaborou cos programas de Chichi Campos para a TVG, SOS e A ver que vai ser isto.
Compositora e arreglista, dirixiu musicalmente o primeiro concerto de mulleres celebrado en Vigo nos anos 90, no que participaron cantantes como María del Mar Bonet, Omara Portuondo, Filipa Pais, Uxía Senlle, María João, Minela, María Costas e Leilia. Compuxo para cine, teatro e gravou para a infancia.
No acto que terá lugar hoxe, Uxía Senlle interpretará algunha das pezas musicais de Pino que as unían, mentres que María Costas, coa que formou o dúo Bloody Mary, cantará dous dos seus temas a partir de poemas de Ánxos Sumai, co acompañamento musical ao piano de Jacobo González. A propia Anxos Sumai falará do interese da compositora pola escritura e dará a coñecer algún dos textos que escribiu.
A pianista e profesora Elvira R. Pontevedra interpretará unha obra inédita da homenaxeada e a pintora Menchu Lamas lembrará a súa amizade con Enma Pino, a súa relación coa pintura e o seu activismo artístico nos anos 80. A relación de participantes neste acto das xornadas “Mulleres en Acción” da Mostra complétase coa videocreadora Area Erina, sobriña da compositora, que estreará unha creación que documenta de forma poética a vida e obra da súa tía, e coa ilustradora, música e urban sketcher Laura Romero, que presentará o seu proxecto, Músicas Galegas Ilustradas, e falará do papel das mulleres na música.