in ,

Pistacatro recibe o Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” da MIT Ribadavia

Pistacatro na MIT |
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) concederá o Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” 2019 a Pistacatro Produtora de Soños. O novo circo terá unha gran importancia nesta trixésimo quinta edición da MIT. Pistacatro é un bo exemplo desta cultura circense xa que “é a única produtora, en tamaño e proposta de espectáculos, vinculada ás artes circenses en Galicia.

 

Segundo a acta do xurado “o papel desenvolvido por esta produtora, por este colectivo de artistas, foi fundamental para a evolución e a consolidación dun referente das artes do circo e o cabaré na cultura galega actual. A MIT, que sempre procurou apoiar e visibilizar o dinamismo e as capacidades creativas desta disciplina escénica, quere recoñecer agora a traxectoria de Pistacatro logo de vir de celebrar o seu 10º aniversario e de afrontar importantes retos e innovacións coma a adaptación á linguaxe circense da novela de Xosé Luís Méndez Ferrín Arnoia, Arnoia ou o espectáculo Orquestra de Malabares, que se presenta nesta 35ª MIT e que supón un estimulante traballo comunitario que pon en valor as bandas de música locais”.

Ademais, o Premio a Pistacatro Produtora de Soños, quere ser “unha homenaxe e un sentido recordo” tamén ao malabarista e clown Manu Lago, falecido o ano pasado.

A acta non esquece o apartado formativo de Pistacatro, realizado baixo o paraugas da escola Circonove, así como das edicións de D10, encontros de formación e innovación no circo, que significaron un chanzo máis na estratexia destinada a xerar coñecemento e interese polo circo no noso país.


Publicidade

“Pistacatro Productora de Soños é a única produtora, en tamaño e proposta de espectáculos, vinculada ás artes circenses en Galicia. Así pois, representa a punta de lanza dun ecosistema artístico-comunitario máis amplo composto pola Asociación de Novo circo e Cabaret CIRCONOVE e a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG), que foron impulsadas para atender ás distintas necesidades.”

O premio, segundo a MIT, “quere apontalar a diversidade creativa que se pode ver, por exemplo, nas galas do Circo que vén celebrando a compañía, as capacidades de exploración e traballo na dirección escénica e na dramaturxia do circo, na renovación e investigación en técnicas tradicionais ou actuais”. A Mostra apoia “unha plataforma crecente e aberta ás artes do movemento, á música, ao teatro físico, á danza, á maxia, ao humor, ao malabarismo, a unha cantidade innumerable de disciplinas que fan máis grande a carpa de ilusións, as habilidades e o interese das pezas para o público, dende Sapiens Sapiens ou Kamikaze (época na que xunto co CDG Pistacatro liderou de xeito pioneiro na península o proxecto europeo Jeunes Talents Cirque Europe 2009-10) ata Impreuna ou a homenaxe ao oficio dos pallasos e ao “oficio” de facerse maior nesta profesión que se puido ver con nostalxia e risos en Outono”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NazarioDiaz |

Comeza a IX edición de Corpo(a)terra

Codigo DaniGarcia |

Ciclo de teatro, música e maxia para familias en Pontevedra