FIOT de Carballo, Galicreques de Santiago, Mostra de Teatro de Cariño, Festiclown de Vilagarcía, Fetega do Carballiño, Corpo(A)Terra de Ourense, Festival de Títeres de Redondela e Núbebes de Pontevedra son os eventos apoiados por esta vía.
Oito mostras galegas de teatro, danza e circo son as beneficiarias este ano da convocatoria de subvencións da Xunta a festivais de artes escénicas, segundo a resolución publicada hoxe no web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coa que remata o proceso de adxudicación por concorrencia competitiva para este tipo de eventos.
Os beneficiarios son o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, con 50.000 euros; o Festival Internacional Galicreques de Santiago, con 34.200 euros; a Mostra de Teatro de Cariño, con 22.430,22 euros; o Festiclown de Vilagarcía de Arousa, con 15,689,80 euros; o Festival de Teatro Galego do Carballiño, con 15.000 euros; o Festival Internacional de Títeres de Redondela, con 10.000 euros, o Festival Corpo(A)Terra de Ourense, con outros 10.000 euros; e o Festival das Núbebes de Pontevedra, con 7.903 euros.
A Agadic convoca cada ano estas axudas xunto ás destinadas a festivais de música, que se atopan nestes momentos en trámite de resolución. A dotación global para 2019 é de 530.000 euros, dos que 340.000 se reservan para os eventos musicais e 190.000 para os escénicos. Desta última contía, adxudicouse finalmente un importe menor ao convocado (165.224 euros), xa que non se recibiron proxectos suficientes que cumpriran todas as condicións requiridas.
Puideron optar a esta liña de subvencións os encontros celebrados en Galicia entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, que contasen cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrecesen nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outras condicións. As bases fan fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.