in

Dr. Nest

Dr Nest02©ValeriaTomasulo |

Cuestión de perspectiva

| Manuel Xestoso |
| Foto: Valeria Tomasulo |

 

A liña que separa o que chamamos normalidade e a loucura é tan delgada coma a que debuxa o voo dun paxaro. Todos precisamos algo de afecto para manternos do lado bo da raia divisoria, algo de empatía para que a extravagancia –ou a enfermidade– sexa vista, simplemente, como idiosincrasia. A historia do Dr. Nest, un psiquiatra que deixa a súa vida anterior para recomezar nun novo hospital, demostra que a demencia acaba por parecerse moito á soidade. E demostra tamén que a fronteira entre o soño e o pesadelo é crebadiza. Que case todo é unha cuestión de perspectiva.

O Dr. Nest pon tanta delicadeza atendendo aos seus pacientes como a que a compañía Familie Flöz reborda cara aos seus personaxes: nesa forma de debruzarse sobre o mundo reside o éxito de ambos. As máscaras que son marca da casa non poden ocultar esa atención exquisita posta na xestualidade, na precisión dos movementos, na expresividade corporal. Nin queren agochar esa atmosfera melancólica, un chisco onírica, que nos advirte que a fábula é iso, un precipitado de afectos que hai que manexar con coidado, porque a profundidade da mente humana require de grandes doses de dilixencia.

Esa sutileza na presentación é unha opción que conduce ao sentimentalismo mais non exactamente á afectación: a compañía mantén o equilibrio nesa fronteira empregando o humor, ofrecendo números musicais que suman na construción dos personaxes, internándose por veces no absurdo. Afondan sen caer na grandilocuencia grazas a mestura de comicidade e tenrura que son capaces de imprimirlles ás súas criaturas. O silencio da compañía transfórmase no niño dende onde observar coa inocencia da infancia, mais sen recuncar na súa inxenuidade.

Porque a dozura de Familie Flöz é enganosa: non esquece a parte nocturna, a que resucita fantasmas que violentan a harmonía no medio da escuridade. As paredes transfórmanse en portas, as portas ábrense a estancias descoñecidas e toda a arquitectura dos pensamentos revólvese arredor dos individuos, amosándonos a fraxilidade de todo o establecido. As sombras son a outra cara dunha luz que segundo a inclinación, mostra unha bata de médico ou unha camisa de forza. Demostrando, máis unha vez, que case todo é unha cuestión de perspectiva.


Publicidade

 

Dr. Nest, de Anna Kistel, Benjamin Reber, Björn Leese, Fabian Baumgarten, Hajo Schüler, Mats Suethoff e Michael Vogel

Dirección: Hajo Schüler
Co-dirección: Michael Vogel
Máscaras: Hajo Schüler
Música: Fabian Kalbitzer
Escenografía: Rotes Pferd (com Christian Eckelmann e Felix Nolze)
Vestiario: Mascha Schubert
Deseño de son: Dirk Schröder
Deseño de luz: Reinhard Hubert

Festival de Almada. Escola D. António da Costa. 14 de xullo de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PorkuloCoiroDePita |

Mortificación Teatro gaña o Premio Coiro de Pita

FETEGA |

A Agadic concede axudas a oito festivais escénicos