in

Joan of Arc

JoanDArc02 |

Épica íntima

| Manuel Xestoso |
| Foto: Sven Gjeruldsen |

 

Facer o que se debe facer: o pensamento como acción, como único lugar onde se pode cambiar o mundo. Juni Dahr colócase no lugar de Xoana de Arco para tratar de comprender cal é a “acción interior” que leva a unha moza de dezaseis anos a capitanear un exército, a gañar batallas, a transformarse no símbolo dunha nación. Unha acción interior que se explora dende o ritual que permite resucitar, aínda que sexa simbolicamente, a heroína queimada na fogueira.

Hai na obra de Visjoner Teatre unha vocación épica que, ao tempo, celebra o íntimo. Unha fusión de idea e acto que leva a función por unha vía non sempre cómoda para o público, a quen se lle pide que estea tan atento á capacidade de expresar coma ao expresado: trátase de manifestar máis que de explicar, de mostrar a través do corpo máis que de narrar. A compañía caracterízase por buscar espazos alternativos onde encaixar os seus espectáculos e a igrexa do seminario de São Paulo, cos seus ecos relixiosos e literarios, parece un lugar idóneo para reavivar as voces que Xoana escoita e que a dirixen na súa loita.

Esas voces son a única explicación aparente da fidelidade a “unha misión” que conduce a un sacrificio en certa maneira incomprensible, pero que lle dá sentido a unha existencia. Lembremos: a filla dun campesiño comeza, con 13 anos, a oír voces que a incitan a tomar as armas e axudar a Carlos VII a ocupar o trono de Francia. E conségueo.

En certo sentido, esa idea de sacrificio que rexe a vida de Xoana de Arco convértese na idea de representación que pon en escena Juni Dahr. Malia que o teatro sobre o teatro está lonxe da intención desta obra, hai unha mirada que contempla o acto de representar como unha extensión física do pensamento: as voces interiores como xustificación moral da acción política.

E de política fala esta Joan of Arc cando describe a manobra de desprestixio que sofre a heroína francesa: xa que non se pode executar unha heroína, acusémola de bruxería, de herexía. Construír unha acusación que xustifique un xuízo constitúe unha aberración tan actual como efectiva. E rescatar a Xoana de Arco desa manipulación pasa, para a actriz norueguesa, por liberala dun discurso principalmente masculino que, ou ben a canoniza, ou ben a condena. Romper esa superficie mítica para chegar á cerna da personaxe convértese así nesa reencarnación simbólica –non estamos moi lonxe de Grotowski, con quen Dahr estudou– na que Visjoner Teatre transforma a función.


Publicidade

Juni Dahr é unha actriz excelente que utiliza aquí a súa arte como metáfora dunha dedicación absoluta a algo que nos excede, como símbolo dunha entrega sen límites a unha causa que transcende a propia biografía. E cuestiónanos sobre onde atopar, na solipsista sociedade actual, unha paixón coma esa.

 

Joan of Arc, de John Morrow e Juni Dahr

Concepción, dirección artística e interpretación: Juni Dahr
Música: Chris Poole
Deseño de luz: Frank Tangen
Produción: Marianne Roland
Visjoner Teatre (Oslo, Noruega)

Festival de Almada. Seminario de São Paulo. 15 de xullo de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ExposicionMorcego |

A exposición ’30 Anos do Teatro do Morcego’, en Cangas, prorrógase até fin de mes

obrateatralmanuelmaria |

Presentación no Festigal da ‘Obra Teatral’ de Manuel María