Edicións Embora vén de publicar A pequena compaña, obra de Carlos Labraña que gañou a VIII edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos, convocado pola Fundación Neira Vilas, en decembro de 2014.
O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez, destacara na acta de concesión do premio «a perfecta caracterización dos personaxes, a tensión dramática e o vibrante ritmo narrativo» que mantén no seu desenvolvemento, ademais dun acertado emprego do léxico e «o recurso á tradición galega e á mitoloxía clásica».
Carlos Labraña é un autor ben coñecido polo seu teatro familiar, con títulos como O teatro dos soños, Os sons da buguina (II Premio Meira Moiga de Literatura infanto-xuvenil no 2006) ou Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada (Premio á mellor obra de teatro da Gala do Libro Galego no 2017), entre moitos outros.
No momento da entrega do premio, Labraña declarara que A pequena compaña é “para os nenos unha comedia, ainda que teña segunda lectura para adultos”.
Sinopse
Ao anoitecer, o mundo dos vivos vaise achegando ao dos defuntos, e as ánimas que aínda non atoparon acougo roldan perdidas polos camiños. Pero desta antiga lenda nunca oíran falar Xoaniña, Soldadiño, Pedichón e Medusquiñas, uns nenos que viven gorecidos nunha casa rexentada por unha misteriosa anciá. Isto cambiará coa chegada de dúas personaxes retortas que os obrigarán a fuxir, emprendendo unha viaxe emocionante por unha terra poboada de seres mitolóxicos. Así, xuntos, nunha Pequena Compaña, os rapaces tentarán chegar sans e salvos ás marabillosas Illas do Alén. Serán quen de conseguilo?