in ,

Chévere estrea ‘Curva España’ na MIT de Ribadavia

CurvaEspaña02 |
Curva España, a nova produción de Chévere, estréase este xoves 25 na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. O espectáculo poderase ver a partir das 23.00h. no Auditorio do Castelo, e xirará a partir de setembro por diversas localidades galegas. En marzo de 2020, o espectáculo poderase ver en Teatros del Canal (Madrid).

 

Coproducido xunto con Teatros del Canal, a MIT de Ribadavia e o Concello de Teo, este novo traballo de Chévere está protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, con dramaturxia e dirección de Xron. En escena tamén están Lucía Estévez e Leticia T. Blanco, que se ocupan da gravación e realización de vídeo en directo.

Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada e fronteiriza España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.

 

Sobre Curva España, a historia da curva na que se matou España

Nos últimos anos, Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso…). Este novo proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario.

Coma outras veces, partimos dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), durante os últimos noventa anos. Recollemos in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizamos o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metémonos no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas cos nosos actores e actrices, crear situacións ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir. Gústanos poñer a idea en movimento sabendo de onde partimos, pero sen saber exactamente a onde chegaremos


Publicidade

Curva España é a traslación á escena dun deses documentais sobre casos sen resolver que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estutura a historia. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da lei mordaza, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, unha autoficción documental, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.

Máis información sobre a obra, aquí.

Teaser.

 

Ficha técnica e artística

Dramaturxia e dirección: Xron. En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira. Gravación e realización de vídeo en directo: Lucía Estévez e Leticia T. Blanco. Iluminación: Fidel Vázquez. Espazo gráfico: Óscar Villán. Espazo Sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Vestiario: Renata Uzal. Produción: Inés Portela.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DistansVoleTemps02 |

O Festiclown transfórmase en Festaclown a partir do 17 de agosto

APequenaCompaña |

Embora publica ‘A pequena compaña’, de Carlos Labraña