in

O Festiclown transfórmase en Festaclown a partir do 17 de agosto

DistansVoleTemps02 |
Hoxe haberá un adianto no Salón García coa actuación do obradoiro de teatro Clámide en colaboración coa asociación Con Eles.

 

O Festiclown presentou onte en Vilagarcía de Arousa a súa edición de 2019, que terá lugar do 17 ao 21 de agosto cun programa arredor da exhibición e da reivindicación das artes circenses, e que inclúe actividades formativas e accións sociais e solidarias. Os organizadores do evento enxalzan este ano a compoñente máis lúdica e divertida do xénero, polo que o renomean o festival como Festaclown para despregar unha carteleira internacional polas rúas e prazas.

O cabeza de cartel será o bufón italiano Leo Bassi, que estreará en Galicia Eu, Mussolini, unha obra coa que o artista pretende desmontar o fascismo que, “precisa do medo para funcionar”, ante o que antepón a risa, “unha arma política moi importante”.

A carteleira estará chea de estrelas nacionais e internacionais: o Mago Teto, Vol’e Temps, Píscore, Patty Diphusa, Miguel de Lucas, Cía Vaya, Mireia Miracle, Almar&Cía, Sempre Arriba, Muu, AsSircópatas, Isla Letriska ou Kanbahiota, entre outras compañías.

O apartado social inclúe os colectivos Pallasos en Rebeldía, Amencer, Clámide, Asociación con Eles e O Soño de Lilith. Tamén se ofrecerá un programa formativo, o Formaclown, que desta volta tratará sobre a aplicación de técnicas bufonescas, ademais da conferencia-coloquio que ofrecerá Leo Bassi sobre a utilización do teatro como ferramenta política.

E, aínda que o Festaclown non comeza até o sábado 17, Vilagarcía terá xa un adianto coa actuación, hoxe ás 20:00 no Salón García, do obradoiro de teatro Clámide en colaboración coa asociación Con Eles.

 


Publicidade

Programa

O Festaclown iníciase oficialmente co espectáculo Crunch! da compañía galega Muu, un espectáculo de novo circo, de vellos amigos, de clown, de malabares diarios para chegar a fin de mes, de saltos mortais, de golpes e caídas das que un aprende e sae adiante e sobre todo de risas; o sábado 17 ás 13:00, na praza da Independencia, e ás 20:00, na praza do Castro. Ese mesmo día, Kote Malabar estará con Cirkote ás 19:00 na rúa Rei Daviña: teatro, circo, malabares e humor, sobre todo moito humor, nun espectáculo para todos os públicos. Xa á noite, será o mago zamorano Miguel de Lucas quen lle poña fin á xornada co OLE!, ás 21:30 na praza de Galicia. Cunha nova óptica dentro do mundo da maxia e a comunicación, de Lucas é capaz de adaptar a súa maneira de entender o mundo para que o grao de satisfacción do público sexa a mellor garantía da súa calidade.

O domingo 18, Patty Diphusa presentará Superharte, un espectáculo de malabares ás 13:00 na praza da Independencia, e ás 19:00 en Rei Daviña. Patty Diphusa é moitas cousas: monologuista, humorista, artista, arealista, malabarista, anticapitalista e curta de vista. Tamén mestra de cerimonias e, claro, pallasa. A compañía galega Sempre Arriba estará na praza do Castro, ás 20:00, con C’est pas possible, unha viaxe cara au reencontro con un mesmo e o pracer de vivir e compartir. E Vol’e Temps estarán ás 21:30 na praza de Galicia co seu espectáculo Distans, unha viaxe a través das emocións, nun espazo visual e sonoro que envolve escenas de circo acrobático e teatro xestual que conforman un espectáculo orgánico, sensible e divertido. Unha obra que fala da amizade, dos recordos que seguen vivos nos nosos corazóns máis aló dos anos.

O luns 19 Píscore e o seu Concerto con Fusión estarán ás 13:00 na praza de Galicia e ás 20:00 na praza do Castro. As Sircópatas presentarán, ás 19:00, en Rei Daviña, Rogelio: Un pallaso en recuperación: un espectáculo de clown dende un pallaso que non ten moito filtro e que precisa do público como un elemento máis do espectáculo. Maxia, escapismo, humor e moitas sorpresas máis. E Mireia Miracle estará ás 21:00, na praza de Galicia, con Rojo, o camiño dun clown, unha viaxe aos límites, os que nos impoñen e os que nós mesmos creamos. Estrañas provisións de viaxe: chaves, pomos de portas, ilusións, po, lembranzas…

O martes 20 será o Mago Teto e o seu espectáculo Alquimia quen comece o día, ás 13:00, na praza de Galicia; repetirá ás 20:00 na praza do Castro. Nesta nova aventura, o Mago Teto, tras varios anos estudando, experimentando e intentando descifrar a estraña simboloxía dos libros sobre alquimia, busca a pedra filosofal; non para conseguir a riqueza e a vida eterna, senón a alquimia que está dirixida ao corazón: a felicidade! Isla Letriska estará ás 19:00 en Rei Daviña con Letriska Inmobile: un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas como malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a obxectos cotiáns, pelexar co público ou converter a un neno nun grande artista de circo. E ás 21:30, na praza de Galicia, Aimar & Cía. presentan o seu espectáculo Etxea, unha obra que trata os conceptos de fogar e identidade da man das técnicas do clown e o mastro chinés.

Finalmente, o mércores 21 terá á compañía Vaya en Rei Daviña, ás 13:00, e na praza do Castro, ás 20:00, co seu espectáculo On time, unha conmovedora e lúdica peza artística chea de enerxía, humor  e poesía. Mestura impresionantes acrobacias de man a man, danza e teatro xestual, presentando unha visión orixinal da evolución do ser humano e a nosa humanidade. Os multipremiados brasileiros de Kanbahiota presentarán, ás 19:00 e ás 22:30 na praza de Galicia, Trapecio Volante: catro trapecistas, unha barra e unha estrutura de trapecio volante. Só hai que conseguir axustalo para poder conquistar o aire coas súas acrobacias, non sen algunha caída inesperada .. E Leo Bassi pecha o festival ás 21:00, no Auditorio Municipal, co seu Eu Mussolini: Bassi volve posicionarse fronte á extrema dereita cun espectáculo nado do auxe en todo o mundo da vella ideoloxía fascista. Un desafío directo á xente que ten loitado sempre por unha vida máis solidaria e humanista.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bases do Premio Abrente

Jose Luís Baños de Cos gaña o XIV Premio Abrente de Textos Teatrais

CurvaEspaña02 |

Chévere estrea ‘Curva España’ na MIT de Ribadavia