O Xurado do 14º Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado pola MIT Ribadavia, presidido polo Director do festival, Roberto Pascual e composto pola dramaturga e actriz Avelina Pérez, polo actor Roberto Leal e polo director Álex Sampayo, deciden por unanimidade conceder o recoñecemento do Abrente 2019 ao texto titulado Asfixia e presentado baixo o lema “Sobre humanos e porcos”.
Unha vez aberta a plica do premio, resultou ser gañador o autor José Luis Baños de Cos.
Segundo a acta, Asfixia é unha peza áxil, irónica, con humor ácido, que funciona como metáfora da presión vital. Unha obra con distintas capas na recepción, que vai dende o anecdótico ata outros niveis de profundidade. O xurado destaca que o texto propón un interesante xogo teatral onde o aparentemente trivial e absurdo se vai transformando e crecendo eficazmente ata levar á persoa lectora a un tránsito por diferentes sensacións que tocan as convencións e o letargo rutineiro.
Agradece o xurado, igualmente, “a ausencia dunha única mensaxe ideolóxica. Amósase así unha peza que non é panfletaria e que permite a viaxe mental propia da persoa lectora sen que a voz autorial se poña nun nivel superior, coma se fose unha guía nunha única dirección”. Ademais, advirte “unha gama rica de posibilidades de posta en escena aberta, que estimula a un teatro actual e conectado co hoxe”.
O galardoado, Jose Luis Baños de Cos vén de gañar este ano o premio A Pegada de Microdramas, convocado pola ESAD Galicia, e gañou o ano pasado o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle convocado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. Recentemente dirixiu a obra O faiado para a compañía Teatro ó Cubo.
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



