Iso estraño que nos habita
| Ana Abad de Larriva |
| Foto: Rosinha Rojo / MIT Ribadavia |
Fuxir dos hábitos, das normas, e introducirse no terreo descoñecido do incontrolable. Descubrir a propia natureza estraña, que diferencia e distancia. Nesa procura xurdiu Transfiguration, de Olivier de Sagazan; unha performance artística que creou hai máis de vinte anos mais que segue a ter unha forza e un impacto enormes nas espectadoras e espectadores, como aconteceu na súa presentación na 35ª edición da MIT.
O artista métese no material e convértese nun lenzo, nun elemento maleable, nunha obra de arte viva, en proceso, mesturando a escultura e a pintura na performance. A partir do emprego da auga, a arxila, herba seca e pintura, comeza a formar, deformar, anexar, amputar diferentes máscaras sobre a súa propia face. Son máscaras larvarias, caras que emerxen e se borran, que evocan o animal. Imaxes expresionistas e vangardistas aparecen e cambian, non só sobre el mesmo, senón tamén sobre os paneis que están situados detrás del e que devolven un son metálico cando os golpea ou fai impactar material sobre eles.
Parte dun pequeno espazo moi ben disposto coa arxila, as cuncas cheas de auga, que fai soar pouco a pouco, e a pintura, oculta. O seu propio corpo, vestido cun traxe escuro, camisa branca e gravata, remite a unha orde, unha domesticación do corpo primitivo seguindo os canons da elegancia actual. Porén, esa cuberta vaise manchando e desfigurando, ata rachar, desaparecer, convertida en restos; entón aparece o corpo. Un corpo que tamén se deixa manipular, converter, transformar, abatendo as fronteiras entre os xéneros; tamén entre o animal e o humano. Hai momentos que espertan o riso do público, nalgunhas das figuras animais que evoca coa arxila e nalgúns momentos de sons incontrolables, pola estrañeza que producen.
Olivier de Sagazan acaba volvéndose unha marioneta grotesca que, porén, esperta certa tenrura, aínda que por momentos estremeza, cando é invadida por impulsos violentos, cheos dunha forza primitiva e incontrolable que fan que bata nos paneis metálicos e que se axite o seu corpo. El relaciónase consigo mesmo mediante comandos que alternan a activación, a partir de ordes para seguir procurando, buscando novos resultados na súa relación cos materiais; e o acougarse, a partir de mandarse seguir “devagar”, “con coidado”, “tranquilamente”, algo que contrasta coa forza dos seus impulsos, como se estivese a experimentar un certo desdobramento.
O espazo que emprega vai sufrindo tamén unha transformación, sendo invadido polo caos do incontrolable, algo que chega ao seu máximo expoñente coa aparición do lume, que prende nas herbas secas que cobren a cabeza do artista/escultura.
Destaca en Olivier de Sagazan o seu dominio da presenza, así como o manexo do ritmo, ademais da capacidade para desenvolverse a cegas e para emitir a voz, pois a arxila e a pintura están a cubrirlle os ollos, o nariz e a boca. Precisamente, xa dende o comezo emite unha serie de cantos que reforzan o senso ritual e que se van intercalando co resto de sons que transitan o espazo sonoro, como cando soa “Cum Dederit”, de Nisi Dominus (Salmo 126), composto por Vivaldi, e se escoita a voz do artista cantando sobre a voz do contratenor da gravación.
O final da peza foi dunha grande sinxeleza, co artista poñendo o remate, de súpeto, cun agradecemento, sen estridencias, fronte á figura totémica dos paneis traseiros, resultado da performance. No coloquio posterior tamén destacou esa sinxeleza e esa capacidade sintética e, non por iso, menos atraente, do artista para explicar a súa poética.
Transfiguration, de Olivier de Sagazan
Compañía, dirección, interpretación e autoría: Olivier de Sagazan (Francia).
Son/música: Nisi Dominus (Psalm 126), R.608 – 4. “Cum Dederit” (Andante), by James Bowman & The Academy of Ancient Music & Christopher Hogwood.
Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia. Auditorio Rubén García do Castelo. 24 de xullo de 2019.