Unha violencia silenciada
| Ana Abad de Larriva |
| Foto: Rosinha Rojo / MIT de Ribadavia |
As sereas son seres míticos que se desenvolven moi ben na auga, mais que perden unha gran parte das súas capacidades motrices cando saen á terra, posto que non teñen extremidades inferiores. Hai tamén mulleres que se converten en sereas: deixan de ter pernas, ou, mellor dito, deixan de sentir todo aquilo que está por debaixo do seu embigo como o facían antes da súa transformación. Notan un formigo e parece como se as pernas desaparecesen. Entón, precisan botar auga onde estaban antes, para sentilas. Tamén experimentan fortes molestias e dores cando queren facer uso de todo aquilo que antes estaba dentro do que agora é a cola da serea.
A actriz Iria Pinheiro explícao moi ben en Anatomía dunha serea, presentada na 35ª edición da Mostra Internacional de Ribadavia, MIT; unha peza de teatro documental que desenvolveu dentro da Berberecheira de Chévere e que partiu da súa experiencia persoal: da violencia obstétrica que sufriu no hospital cando foi dar a luz o seu fillo. Porén, o seu non é un caso illado, xa que este tipo de agresión é, tristemente, exercido sobre moitísimas mulleres e, en especial, cando son nais por primeira vez; tratándoas como nenas, non escoitándoas, quitándolles a súa voz.
Non fai falla berrar para falar alto e claro sobre un tema, nin é preciso chorar para transmitir a dor. De feito, o riso pode conter moita máis dor e crueza que o pranto, mais tamén é liberador, catártico. Iria Pinheiro, gañadora do Premio María Casares á mellor actriz protagonista na XXIIIª edición do certame, cóntanos aos espectadores e espectadoras a súa experiencia cunha naturalidade e unha proximidade que parece non estar seguindo ningún texto previo; en realidade, aquel co que ela e María Lado tamén gañaron o Premio María Casares ao mellor texto orixinal este ano. E con esa capacidade para conectar co público, para achegarnos ao seu drama, que ela se encarga de desdramatizar, mais sen por iso quitarlle forza, emprega a parodia, como cando amosa o arrepiante instrumental que aínda se emprega nas consultas xinecolóxicas e nos paridoiros, a modo de programa de teletenda; cando fai un simulacro do seu parto e o persoal sanitario é representado mediante luvas de cores ou cando conta como ela e un amigo seu da infancia xogaron unha vez aos médicos e ela pariu un peluche.
Un trato despersonalizado, mesmo maleducado, cheo de ocultacións ao respecto do que lle ían practicar para inducirlle o parto e sen ofrecerlle ningunha posibilidade de opinar (xa que non de decidir) foi o que caracterizou a súa experiencia. Isto sumouse a unhas dolorosas secuelas físicas coas que aínda carga a raíz da episiotomía, o corte que lle fixeron na vaxina sen o seu consentimento para agrandar a canle no parto. Todas elas son algunhas das cuestións que presenta Iria e que fan a máis de unha espectadora repensarse o querer ser nai nun sistema sanitario que, a pesar dos innegables e tan necesarios avances da medicina actual, pode chegar a desnaturalizar tanto o parto e a convertelo nunha experiencia desoladora e traumática. Ese trato frío e mesmo violento tamén o exerceron co seu fillo, que foi separado dela nada máis nacer e a quen só puido tocar fugazmente, dende o lonxe.
A chuvia asomou, por momentos, durante a presentación da peza en Ribadavia, e case obriga a suspender a función na metade da mesma. Porén destacou especialmente a capacidade da actriz para enfrontarse ás circunstancias climatolóxicas e seguir adiante, co seu sorriso e co seu falar, engaiolantes, como o canto das sereas.
Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro e María Lado.
Dirección: Xron.
Intérprete: Iria Pinheiro.
Deseño do espazo escénico: Chévere / Iria Pinheiro / Suso Jalda.
Iluminación: Suso Jalda.
Son / Música: Xacobe Martínez / Iria Pinheiro.
Indumentaria-caracterización: Chévere / Iria Pinheiro.
Produción: Chévere-A Berberecheira / Iria Pinheiro.
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio Rubén García do Castelo. 26 de xullo de 2019.