in ,

Dezasete espectáculos na Mostra de Cariño

Patapatum |
Dezasete espectáculos constitúen o programa da 41ª edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño, que se desenvolverá entre o 16 e o 22 de agosto.

 

A Mostra comezará o venres 16 cun espectáculo de animación de rúa a cargo de Barafunda Animación, Percebes de Ortegal, que percorrerá diferentes puntos da vila. Ás 21:00, terá lugar a presentación oficial, na Praza do Concello, onde Pablo Méndez presentará Quimera, un espectáculo inspirado nunha visión máxica da natureza, onde os soños e a mitoloxía se entrelazan.

O sábado 17, ás12:00, na Praza da Pulida, os Ghazafellos presentarán A illa sen tesouro, unha aventura de piratas para público familiar. Ese mesmo día, na Praza do Concello, ás 20:30, a compañía Vol’e Temps presentará Distans, unha viaxe a través das emocións, nun espazo visual e sonoro que envolve escenas de circo acrobático e teatro xestual que conforman un espectáculo orgánico, sensible e divertido.

O domingo 18, na Praza do Mercado, a compañía N+1 estará con Circanelo, un espectáculo que mestura teatro xestual, danza e acrobacia. Ás 20:30, na Praza Roxa, Kanbahiota representa Vaia Circo, un dos mellores espectáculos de rúa con acrobacias aéreas do último lustro: trapecio coreano, aro, trapecio dobre, mastro chino… Un sen fin de incribles e arriscadas técnicas onde volvemos ao circo clásico e ao “máis difícil aínda”. E xa pola noite, ás 22:15, iniciará as funcións do Auditorio Bernarda, de Malasombra, unha reinterpretación do clásico de Lorca escrita e dirixida por José Prieto, pero situada en Galicia en 1975.

O luns 19 comezará ás 12:00, no Auditorio Municiàl con Baobab e o seu Mai Mai, a historia do último oso panda do planeta e a súa loita por sobrevivir. Ás 22:15, tamén no Auditorio, Ibuprofeno Teatro leva ata a Mostra Casa O’Rei, un texto de Santiago Cortegoso que propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de W. Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. E xa pasada á media noite, ás 00:15, Avelino González contará a historia de amor entre dous contrabandistas, el galego e ela portuguesa, en Contos de contrabando.

O martes 20, no Auditorio, ás 12:00, Patapatúm, de Elefante Elegante, mostrará como os maiores, atados pola espiral do tempo con compromisos e obrigas, non son quen de facer un oco na súa apretada axenda para compartir a fantasía cos máis pequenos. E ás 22:15, tamén no Auditorio, volve Shakespeare con Macbeth. O ruído e a furia, de Estudo Momento.


Publicidade

O mércores 21, o programa comeza ás 12:00, no Auditorio, cunha obra que leva camiño de se converter nun clásico: A galiña azul, de Tanxarina, adaptada do conto de Carlos Casares e dirixida por Cándido Pazó. Un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade. E ás 22:15, Eme2 representará A leituga, unha comedia negra interpretada por un elenco de luxo: Xose Barato, Mercedes Castro, Antonio Duran “Morris”, Federico Pérez, María Vázquez.

Xa o xoves 22, Magín Blanco e os Ghazafellos poñen en escena, ás 12:00, no Auditorio, A nena e o grilo máis aló, o musical infantil máis aclamado do panorama galego. E para rematar, ás 22:15, Contraproducións presenta A compañeira de piso, unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila, interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero.

A Mostra organiza, ademais, o domingo 18, un concerto da banda de rock & soul Broken Peach, ás 13:15 na Praza do Concello.

E no apartado de formación, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, da compañía Ibuprofeno Teatro, impartirán un obradoiro de creación escénica para maiores de 16 anos. Para asistir, hai que inscribirse (gratuitamente) na Casa do Concello ou no teléfono 981405064. Será do luns 12 ao mércores 14, en horario de 10 a 14.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AnatomiaDunhaSerea |

Anatomía dunha serea

Tickets |

Comeza a nova tempada da Rede Galega de Teatros e Auditorios