in

Anatomía dunha serea

AnatomiaDunhaSerea |

Unha violencia silenciada

| Ana Abad de Larriva |
| Foto: Rosinha Rojo / MIT de Ribadavia |

 

As sereas son seres míticos que se desenvolven moi ben na auga, mais que perden unha gran parte das súas capacidades motrices cando saen á terra, posto que non teñen extremidades inferiores. Hai tamén mulleres que se converten en sereas: deixan de ter pernas, ou, mellor dito, deixan de sentir todo aquilo que está por debaixo do seu embigo como o facían antes da súa transformación. Notan un formigo e parece como se as pernas desaparecesen. Entón, precisan botar auga onde estaban antes, para sentilas. Tamén experimentan fortes molestias e dores cando queren facer uso de todo aquilo que antes estaba dentro do que agora é a cola da serea.

A actriz Iria Pinheiro explícao moi ben en Anatomía dunha serea, presentada na 35ª edición da Mostra Internacional de Ribadavia, MIT; unha peza de teatro documental que desenvolveu dentro da Berberecheira de Chévere e que partiu da súa experiencia persoal: da violencia obstétrica que sufriu no hospital cando foi dar a luz o seu fillo. Porén, o seu non é un caso illado, xa que este tipo de agresión é, tristemente, exercido sobre moitísimas mulleres e, en especial, cando son nais por primeira vez; tratándoas como nenas, non escoitándoas, quitándolles a súa voz.

Publicidade

Non fai falla berrar para falar alto e claro sobre un tema, nin é preciso chorar para transmitir a dor. De feito, o riso pode conter moita máis dor e crueza que o pranto, mais tamén é liberador, catártico. Iria Pinheiro, gañadora do Premio María Casares á mellor actriz protagonista na XXIIIª edición do certame, cóntanos aos espectadores e espectadoras a súa experiencia cunha naturalidade e unha proximidade que parece non estar seguindo ningún texto previo; en realidade, aquel co que ela e María Lado tamén gañaron o Premio María Casares ao mellor texto orixinal este ano. E con esa capacidade para conectar co público, para achegarnos ao seu drama, que ela se encarga de desdramatizar, mais sen por iso quitarlle forza, emprega a parodia, como cando amosa o arrepiante instrumental que aínda se emprega nas consultas xinecolóxicas e nos paridoiros, a modo de programa de teletenda; cando fai un simulacro do seu parto e o persoal sanitario é representado mediante luvas de cores ou cando conta como ela e un amigo seu da infancia xogaron unha vez aos médicos e ela pariu un peluche.

Un trato despersonalizado, mesmo maleducado, cheo de ocultacións ao respecto do que lle ían practicar para inducirlle o parto e sen ofrecerlle ningunha posibilidade de opinar (xa que non de decidir) foi o que caracterizou a súa experiencia. Isto sumouse a unhas dolorosas secuelas físicas coas que aínda carga a raíz da episiotomía, o corte que lle fixeron na vaxina sen o seu consentimento para agrandar a canle no parto. Todas elas son algunhas das cuestións que presenta Iria e que fan a máis de unha espectadora repensarse o querer ser nai nun sistema sanitario que, a pesar dos innegables e tan necesarios avances da medicina actual, pode chegar a desnaturalizar tanto o parto e a convertelo nunha experiencia desoladora e traumática. Ese trato frío e mesmo violento tamén o exerceron co seu fillo, que foi separado dela nada máis nacer e a quen só puido tocar fugazmente, dende o lonxe.

A chuvia asomou, por momentos, durante a presentación da peza en Ribadavia, e case obriga a suspender a función na metade da mesma. Porén destacou especialmente a capacidade da actriz para enfrontarse ás circunstancias climatolóxicas e seguir adiante, co seu sorriso e co seu falar, engaiolantes, como o canto das sereas.

 

Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro e María Lado.

Dirección: Xron.
Intérprete: Iria Pinheiro.
Deseño do espazo escénico: Chévere / Iria Pinheiro / Suso Jalda.
Iluminación: Suso Jalda.
Son / Música: Xacobe Martínez / Iria Pinheiro.
Indumentaria-caracterización: Chévere / Iria Pinheiro.
Produción: Chévere-A Berberecheira / Iria Pinheiro.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio Rubén García do Castelo. 26 de xullo de 2019.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CartelDAIMONMatarile |

Matarile volve ao gran formato

Patapatum |

Dezasete espectáculos na Mostra de Cariño