Un volume que inclúe unha selección de cinco textos do dramaturgo madrileño radicado en Galicia Pedro Fresneda, traducidos ao galego por Avelina Pérez e Afonso Becerra. Ese é o novo libro que vén de publicar a erregueté | Revista Galega de Teatro e que se presentará o vindeiro sábado, 31 de maio, no Teatro Ensalle, en Vigo (rúa Chile, 15).
A presentación do volume farase ao remate da función de SOBRE, da compañía Ensalle, programada para as 20:00 horas, e nela estarán presentes o propio autor, as dúas persoas que fixeron a tradución dos textos, Juan Navarro, que colaborou na montaxe, e Raquel Hernández e Artús Rei, que integran o elenco da posta en escena e que escribiron os dous prólogos que incorpora o libro.
Ademais de SOBRE (14 propostas temáticas por se ti tamén te aburres), a escolma teatral complétase con 105 pasos ou a mecánica da carne, Miniaturas, Arar e Antes de que chegue a besta, o que permite facer un percorrido por pezas de diferentes momentos da traxectoria creativa de Fresneda.
Razóns e afectos
Afonso Becerra, tradutor dos textos Antes de que chegue a besta e 105 pasos ou a mecánica da carne, e impulsor do volume, explica así os motivos que o levaron a apostar por esta publicación: “Propuxen traducir ao galego estes textos teatrais por varias razóns e por varios afectos. Primeiro, porque en 2024 se cumpriron vinte anos do Teatro Ensalle e hai que celebrar a Raquel Hernández e a Pedro Fresneda que, sendo de fóra, escolleron Vigo e nos brindan un espazo único e resistente para a creación contemporánea (que eu chamo dramaturxias posdramáticas). Hai que acollelos e querelos, pola súa arte comprometida, polo seu facer sempre coherente e sen concesións, polo seu labor heroico á fronte dunha sala independente e dunha compañía que non fai teatro dentro dos moldes do comercio das programacións ao uso. Segundo, porque antes de traducir estes textos, desfrutei cos espectáculos, desfrutei coa dramaturxia colectiva de Artús Rei, Raquel e Pedro, como núcleo constante, na cal eses textos xermolaron. Terceiro, porque estes textos teñen un valor literario e teatral moi singular, son moi estimulantes para ler e para xogar con eles. Hai unha profunda crítica á hipocrisía, á comenencia, á manipulación, a acomodarse, á “gilipollez”, humana etc. Son textos con nervio, nos que as frases teñen a enerxía que sacode os temas que tratan, aínda que poidan tamén ter un lado poético grande. Son textos con humor acedo, que nos interpelan. Son textos que foron creados en Galiza, no medio urbano, en Vigo, en conexión co mundo. Como di Artús Rei nun dos prólogos, traducilos ao galego vén sendo un exercicio de xustiza ecolóxica, de restitución do texto á súa terra. Porque, ao meu ver, non se trata de obras desvinculadas do ecosistema cultural no que se dan. Hai moita toma de terra e tamén de mar.
Como espectador emocioneime coas pezas que hai neste libro cando estaban no escenario. Como tradutor rin co que está escrito o que non está escrito! E, ademais, sentinme compensado. A ver se me explico: grazas aos textos de Fresneda podo soportar mellor algúns desacougos que a vida viguesa e a actualidade mundial me impoñen. En resume, non son un remedio a todos os males que nos asolagan, pero axudan a enfrontalos.”
O volume xa está dispoñible na tenda dixital da erregueté.