in ,

O CDG e Os Monicreques de Kukas estrean ‘O carteiro de Ximaraos’

O Salón Teatro acolle entre hoxe e o venres tres funcións da montaxe, feita a partir do texto de Carlos Labraña

O carteiro de Ximaraos 1
Marcelino de Santiago, Kukas, e Isabel Rey, n'O carteiro de Ximaraos'. Fonte: Agadic.

O equipo artístico gañador do Premio Xuventude Crea 2024 na modalidade de teatro, baixo a coordinación do equipo do Centro Dramático Galego (CDG), desenvolveu unha montaxe, coproducida polo CDG e Os monicreques de Kukas a partir do texto de Carlos Labraña O carteiro de Ximaraos, gañador en 2024 do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O Salón Teatro do CDG, sito en Santiago de Compostela, acolle entre hoxe e o vindeiro venres, 30 de maio, tres funcións de estrea da obra, ás tres ás 18:00 horas.

 O carteiro de Ximaraos preséntase como unha “conmovedora” peza teatral de pequeno formato para a infancia. A historia mestura  realidade e fantasía para abordar dúas temáticas de gran relevancia: o impacto emocional do alzhéimer nas familias e o papel da memoria ligada ao correo postal como fío condutor das relacións humanas. A peza céntrase na relación entre un avó, antigo carteiro da vila de Ximaraos, e o seu neto, que descobre na saca do avó un tesouro de cartas esquecidas.A través desta conexión, o espectáculo reflexiona sobre como as historias, as memorias compartidas e os pequenos rituais familiares poden enfrontarse ao esquecemento.

O carteiro de Ximaraos 2
Marcelino de Santiago, Kukas, n’O carteiro de Ximaraos’. Fonte: Agadic.

Sinopse

O avó de Xoán era o carteiro da vila de Ximaraos antes de xubilarse. Como o home xa vai vello e cada vez ten peor memoria, Xoán e mais súa nai van vivir con el para coidalo. Entre as súas posesións máis prezadas atópase unha colección de postais penduradas da parede. A Xoán encántanlle, pero o avó non llas deixa nin tocar. Aínda así, o rapaz aproveita cando el non está para fochicar nelas. Co paso do tempo, o ancián cada vez lembra menos cousas, mais do seu maxín nacen diferentes historias que Xoán escoita abraiado, sen saber moi ben se son reais ou inventadas. Ademais, o avó está sempre coa teima de que hai que facer o repartimento das cartas. Xoán pensa que é outro conto máis, ata que atopa no faiado unha saca de correo chea de cartas sen entregar. Serán capaces entre os dous de que as cartas cheguen aos seus destinatarios despois de tanto tempo?


Publicidade

Equipo artístico

Creación do equipo artístico gañador do Premio Xuventude Crea 2024 na modalidade de teatro baixo a coordinación do equipo do Centro Dramático Galego
Dirección: Susana Villaverde
Dramaturxia: Ezequiel Rodríguez e Susana Villaverde
Interpretación: Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey
Escenográfica e creación de audiovisuais: Maite Dubois
Creación de iluminación e máscaras: Amelia Poyato
Deseño de monicreques e indumentaria: Amelia Poyato, Marcelino de Santiago e Isabel Rey
Composición: Xosé Lois Romero
Espazo sonoro: Noemi Pardo
Asistencia de espazo sonoro: Noemi Pardo
Voces gravadas: Marcelino de Santiago, Isabel Rey e Noemi Pardo

O carteiro de Ximaraos 3
Fran Núñez, Susana Villaverde, Carlos Labraña e Jacobo Sutil na presentación da obra ‘O carteiro de Ximaraos’. Fonte: Agadic.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Portadas escolma Pedro Fresneda

O Teatro Ensalle acolle a presentación dunha escolma teatral de Pedro Fresneda editada pola erregueté

Presentación xornada Escena Galega 2025

Escena Galega e a Deputación de Pontevedra organizan unha xornada sobre accesibilidade e inclusión nas artes escénicas