in ,

Escena Galega e a Deputación de Pontevedra organizan unha xornada sobre accesibilidade e inclusión nas artes escénicas

Desenvolverase o vindeiro 17 de xuño, no salón de plenos do Pazo provincial

Presentación xornada Escena Galega 2025
Presentación da xornada sobre accesibilidade e inclusión organizada por Escena Galega e a Deputación de Pontevedra. Foto de Rafa Estévez.

“Accesibilidade e inclusión nas artes escénicas: construíndo experiencias accesibles dende o primeiro clic ata a butaca” é o título da xornada organizada por Escena Galega (a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) e a Deputación de Pontevedra que acollerá o vindeiro 17 de xuño o salón de plenos do Pazo provincial. Nese mesmo espazo tivo lugar onte a presentación da xornada, na que participaron o xerente de Escena Galega, Diego V. Meizoso, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela.

As Xornadas Profesionais de Escena Galega son, desde hai máis de 15 anos, o único foro estable de reflexión e debate do sector das artes escénicas profesionais galegas, e neste 2025 a asociación organízaas por primeira vez coa Deputación de Pontevedra. Cubela quixo onte poñer en valor que isto supón “un paso máis na liña de colaboración que estamos poñendo en marcha con esta disciplina e con esta asociación”, que inclúe outras medidas como a posta en marcha do circuíto +Escénicas (á que se referiu como “unha reclamación do propio sector que ten unha excelente acollida e altísima participación”), e que, en xeral, se vincula “co compromiso adquirido polo goberno provincial ao converter a cultura nun dos seus obxectivos primordiais”.

O deputado de Cultura destacou tamén que na xornada se reflexionará sobre o xeito de facer para que os proxectos escénicos sexan accesibles para todas as persoas e tamén para fomentar a participación das persoas con discapacidade”, co obxectivo de “democratizar o acceso á cultura e mellorar a calidade de vida das persoas, derrubando as barreiras que trae consigo a falta de accesibilidade”.

A xornada deste ano abordará unha nova liña estratéxica de traballo da Escena Galega, que aglutina na actualidade 61 compañías produtoras de teatro, danza, novo circo e ilusionismo. A comezos de 2025 a asociación creou o Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión, coa finalidade de que servise “como espazo de asesoramento a compañías e outros axentes do sector escénico profesional para implantar medidas efectivas de accesibilidade e inclusión”. Unha das liñas de traballo deste grupo é a formación dende diferentes enfoques: “Por unha banda, de tipo xeral, para coñecer aspectos como a lexislación que nos afecta, a diversidade de colectivos de persoas implicadas e as medidas que debemos tomar como creadoras e creadores. Por outra, cun enfoque máis concreto, traballando casos específicos para facer efectiva a accesibilidade e a inclusión nas artes escénicas profesionais”.

Con esta xornada buscan, xa que logo, “dar un paso máis para comprender como é a realidade das persoas con discapacidade, centrándonos, co obxectivo de que a cita teña tamén un enfoque práctico e efectivo, no colectivo de persoas con discapacidade visual e baixa visión, algo que nos permitirá dotarnos das ferramentas necesarias para non discriminar esta importante porcentaxe de público”. É por todo iso que a Xornada do 17 de xuño se desenvolverá en dúas partes: en horario de mañá presentaranse relatorios e experiencias arredor de diferentes temas vinculados coa accesibilidade, cunha abordaxe máis teórica, aínda que recolla casos prácticos, e en horario de tarde impartiranse dous obradoiros prácticos.

A xornada está dirixida principalmente a profesionais das artes escénicas: compañías, xestoras e xestores, distribuidoras e distribuidores, produtoras e produtores e, en xeral, persoas interesadas no traballo en accesibilidade e inclusión dentro das artes escénicas profesionais, e o número máximo de prazas dispoñibles é de 80. O horario completo da xornada é de 10:00 a 19:30 horas, cunha pausa de 13:00 a 13:30 horas para o café, e outra de 15:00 a 16:30 na que se ofrece un xantar compartido de pé. A asistencia será de balde e por orde de inscrición na seguinte ligazón ata o 15 de xuño ás 23:59 horas, ou ata completar o número de prazas. Será posible inscribirse tanto á sesión de mañá como aos obradoiros da tarde, como só a unha das dúas partes da xornada.


Publicidade

Programa completo

Das 10:00 ás 10:15 horas

Chegada das persoas inscritas

Ás 10:15 horas

Benvida institucional, con Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega-Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas

Sesión de mañá: relatorios, experiencias e presentacións

Das 10:30 ás 11:30 horas

Relatoría da xornada formativa “Accesibilidade e inclusión: visibilizar, sensibilizar,
formar e compartir” e presentación do “Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión” de Escena Galega, na que compartirán unha guía práctica e un banco de recursos.

Presentan:
Miguel Valverde, xestor cultural e relator da xornada
Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega e membro do grupo de traballo

Nela farán un repaso por parte do traballo feito nos últimos meses no eido da accesibilidade e a inclusión nas artes escénicas, coa xornada de achegamento coorganizada o pasado 30 de abril entre Escena Galega e a Xunta de Galicia por medio da Agadic e a creación do grupo de traballo específico na Asociación.

Das 11:30 ás 13:00 horas

  • Mesa de experiencias con compañías de artes escénicas que traballan en accesibilidade e inclusión.
    Participan:
    David Ojeda, director, de Palmyra Teatro (Madrid)
    Fran Rei, socio da compañía, actor e director, de Culturactiva (Galicia)
    Paqui Romero, docente, coreógrafa e membro da compañía, de Danza Mobile (Andalucía) Modera: Noelia Castro, vicepresidenta de Escena Galega.
    Tres compañías de artes escénicas de Galicia, Madrid e Andalucía con tres proxectos e liñas de traballo moi diversos no eido da accesibilidade e a inclusión, compartirán as súas experiencias, para, desde un enfoque práctico e directo, dar a coñecer distintas realidades e perspectivas sobre como desenvolver proxectos escénicos accesibles e inclusivos tanto no teatro como na danza e as artes do movemento.

De 13:00 a 13:30 horas

Pausa para o café

De 13:30 a 15:00 horas

  • Presentación sobre comunicación accesible: “Desde o primeiro clic ata a butaca: accesibilidade visual nas artes escénicas”.
    Impártea Pablo Vilariño Otero, instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE.
    Trátase dunha introdución á discapacidade visual e aos recursos dispoñibles para o acceso á información e aos espazos culturais, que abordará os seguintes contidos: discapacidade visual, repercusións funcionais da discapacidade visual, accesibilidade ao contido e accesibilidade ao espazo, tiflotecnoloxía, recursos para o acceso á información, accesibilidade web e estratexias de comunicación con persoas con discapacidade visual.

Das 15:00 ás 16:30 horas

Xantar compartido de pé

Sesión de tarde: obradoiros prácticos

Das 16:30 ás 17:30 horas

  • Obradoiro de deseño dun paseo para persoas con discapacidade visual “Un paseo táctil polo teatro”.
    Impárteo Julia Fernández-Nieto Pons, técnica de Rehabilitación da ONCE, e trátase dunha actividade para establecer o deseño e a posta en práctica dun percorrido accesible para que persoas con discapacidade visual poidan obter de xeito anticipado información relacionada coa peza escénica á que van asistir. Abranguerá os seguintes contidos: técnica de guía para os desprazamentos con persoas con mobilidade reducida, busca e localización de elementos no espazo e medidas de seguridade que ter en conta na preparación dun paseo táctil.

Das 17:30 ás 19:30 horas

  • Obradoiro sobre deseño e implementación de audiodescrición co programa QLAB.
    Impárteo Borja Fernández, actor, creador escénico e técnico especialista. Partindo das características básicas que toda audiodescrición debería ter, faranse exercicios prácticos tratando aspectos como: a escritura, gravación, edición e programación dunha audiodescrición, e os seguintes contidos: audiodescrición como dispositivo de apoio (características, exemplos e posibilidades), fases da creación dunha audiodescrición: escritura, gravación, programación e uso en directo, e exercicios prácticos en grupos para a creación dunha audiodescrición. A actividade está dirixida a calquera persoa do sector escénico (dirección, técnica, dramaturxia…) interesada na inclusión e na accesibilidade nas artes escénicas actuais. Será necesario levar un pen drive e un ordenador con algún programa de audio (preferiblemente Qlab), pero non se precisan outros coñecementos previos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O carteiro de Ximaraos 1

O CDG e Os Monicreques de Kukas estrean ‘O carteiro de Ximaraos’

O Grande Incêndio Eduardo Pinto

A Escola da Noite e Sarabela Teatro estrean ‘O Grande Incêndio’, de Roland Schimmelpfennig