Ánxeles Cuña Bóveda dirixe a montaxe da peza O Grande Incêndio, de Roland Schimmelpfennig, coproducida pola compañía portuguesa A Escola da Noite e a compañía galega Sarabela Teatro, que se estrea hoxe, 29 de maio, no Teatro da Cerca de São Bernardo, en Coímbra, ás 19.00 horas portuguesas (20.00 horas galegas). O espectáculo manterase en cartel no teatro luso ata o vindeiro 15 de xuño, con sesións de xoves a domingo (os xoves ás 19.00, os venres e sábados ás 21.30 e os domingos ás 16.00 horas portuguesas; e as funcións do día 8 e do día 13 de xuño contarán con interpretación en Língua Gestual Portuguesa) e despois viaxará ata Ourense, cidade na que ten a súa sede Sarabela Teatro, para ofrecer tres funcións na terceira semana de xuño (os días 18, 19 e 20).
A peza
A peza foi escrita por Roland Schimmelpfennig em 2017, por encomenda do Teatro Nacional de Mannheim, na Alemaña. Trátase dunha fábula moderna sobre dúas vilas situadas nun val, xunto a un regato e separadas por unha ponte. Dun lado do regato medran viñas e do outro pastan bois, vacas, cavalos e ovellas. De súpeto, ocorren diferentes eventos (unha seca, inundacións, unha estraña febre contaxiosa, un grande incendio) que afectan só a unha das poboacións, mentres a outra entra nun período de prosperidade económica. Ante as catástrofes ambientais, medra a desigualdade e aumenta a distancia física e emocional entre as vilas irmás, levando á destrución dos lazos comunitarios que as unían.
A obra fala de desastres naturais e de desastres culturais, dos que non se poden evitar e dos que o ser humano crea ou axuda a agravar, por acción ou omisión. De avisos aos que só se presta atención demasiado tarde, do crecemento das desigualdades e das inxustizas coas que as persoas se acostuman a convivir, da forma en como deixan que as dividan, entre pobos, entre veciños, entre familias. Fala, nas palabras do proprio autor, dunha “fenda entre mundos” que “crece cada vez máis”.
Dunha forma poética, segundo adiantou a directora da montaxe, o texto describe “como os amigos se converten en inimigos, como os desastres naturais dividen o mundo en ricos e pobres e como aparecen as inxustizas que conforman a vida das persoas”.
O equipo
Presentada en portugués, na tradución de António Sousa Ribeiro (feita para este espectáculo, co apoio do Goethe-Institut Lisboa), a coprodución conta cun amplo equipo creativo, con artistas de Portugal e da Galiza. Alén de Ánxeles Cuña Bóveda, directora artística do Sarabela Teatro, o equipo inclúe a Iris Branco e Cristian Andrade (escenografía), Baltasar Patiño (deseño de luz), Vadim Yukhnevich (música orixinal), Ana Rosa Assunção (figurinos e attrezzo), Rut Balbís (apoio ao movemento) e Zé Paredes (asistente de dirección). O elenco está composto por Ana Teresa Santos, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães e Ricardo Kalash.
A Escola da Noite e a Galiza
Veñen de lonxe as conexións entre A Escola da Noite e Galicia. Hai moitos anos que o grupo de Coímbra vén desenvolvendo relacións de intercambio con estruturas e artistas galegos, acollendo espectáculos galegos nos diferentes espazos da cidade dos cales foi responsable, presentando con regularidade o seu traballo en diferentes escenarios de Galicia e asociándose a diferente proxectos en áreas como a información, a edición, a documentación ou a organización de festivais, entre outras. En 2023, organizou coa asociación Cena Lusófona e en colaboración cunha decena de institucións da cidade a Mostra de Teatro Galego em Coimbra, iniciativa que terá este ano, a finais de outubro, a súa segunda edición. Ánxeles Cuña Bóveda é a segunda directora de Galicia que dirixe un espectáculo da compañía portuguesa, dez anos despois de que Cándido Pazó puxese en escena A Canoa. No referente a Sarabela Teatro, A Escola da Noite estivo a profundar unha relación “de gran complicidade”, segundo compartiu, que agora se materializa na primeira de dúas coproducións que teñen previstas para o bienio 2025-2026.
O autor
Roland Schimmelpfennig naceu en Göttingen, Alemaña, en 1967. Despois dun longo período como xornalista en Estambul, estudou Dirección de escena na escola Otto-Falckenberg-Schule de Munique. Comezou a traballar como autor independente en 1996 e, a partir do ano 2000, escribiu pezas por encomenda do Deutsches Schauspielhaus de Zurique, do Deutsches Theater de Berlin, do Schauspielhaus Bochum e do Burgtheater de Viena. As súas pezas foron presentadas con éxito en máis de 40 países por todo o mundo.
O Grande Incêndio é a segunda peza que dirixe Ánxeles Cuña Bóveda do autor alemán, logo de poñer en escena en galego O Dragón de Ouro, que aínda segue en xira. A tradución ao galego d’O Dragón de Ouro, feita por Catuxa López Pato, que lle supuxo a esta recibir o Premio María Casares á mellor tradución/adaptación na edición deste ano dos galardóns, vén de ser editada pola erregueté | Revista Galega de Teatro nun volume dobre que tamén inclúe outro texto do autor alemán traducido ao galego por López Pato, A media lúa, e que se presentará proximamente.