O sábado 31 de maio, volvín ver, por terceira vez, SOBRE, 14 propostas temáticas por se ti tamén te aburres de Ensalle Teatro e Juan Navarro e confirmei que nas artes vivas, cando realmente son e están vivas, non hai “spoiler”. É certo que o espectáculo que nos presentan experimentou un proceso de decantación, despois da xira que fixeron por diferentes cidades do Estado, adaptándose a espazos dispares, desde o escenario da propia sala viguesa que rexentan, até a sala de exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, en coprodución coa 41ª Mostra de Cangas 2024 (sumando a Terrosrismo de Autor), pasando por Box Levante (Alxeciras), Les Naves (Xixón) e Espai Inestable (Valencia). Por tanto, o espectáculo non está igual, aínda que sexa o mesmo.
Velaí a diferenza entre ser e estar. Abro parénteses: O “ser” vincúlase á identidade, ao que se é, segundo o que se fai (como dicía aquel grande personaxe de ficción, chamado Xesús Cristo, polos meus actos coñecerédesme). Porén, o “estar” vincúlase directamente ao presente e, nos mellores casos, articúlase en función da porosidade e da escoita activa de quen está. Ollo! Co ruído e a anestesia dixital cada vez é máis difícil “estar” realmente no que se está, tendo como consecuencia unha minoración da singularidade da identidade e, por tanto, tamén unha ameaza para a diversidade. De aí deriva, por causa da anestesia que está a producir o mundo dixital (videoxogos, redes sociais, intelixencia artificial aplicada a facer as cousas que o noso cerebro e a nosa imaxinación deberían facer para medrar, etc.), unha especie de sociedade “zombie”, homoxeneizada, despersonalizada e, paradoxalmente, individualista. Digo paradoxalmente porque, por un lado estimúlase a homoxeneización e a despersonificación, xerando adeptos, dependentes, consumidores e, por outro lado, o isolacionismo de usuarios tralas pantallas dos seus dispositivos electrónicos, nos que priman as relación mediadas polos algoritmos tecnolóxicos. Isto fai que se perda o máis importante nas relacións humanas, que é a retroalimentación enerxética e todo o que os corpos e as presenzas vivas intercambian inconscientemente cando partillan o presente. Pecho paréntese.
Vexo, por terceira vez, SOBRE, 14 propostas temáticas por se ti tamén te aburres e teño a sensación de que o estou vendo por primeira vez. Ou que estou vendo outro espectáculo, cando, no fondo, é (do verbo “ser”) o mesmo.
Tamén é certo que se trata dunha das propostas teatrais, das que podemos ver en Galiza, nas que o proceso continúa vivo dentro do que poderiamos chamar “peza final”. Esta natureza procesual parece que forma parte do seu ADN. E, en boa parte, débese á performance de Raquel e de Artús. Atrévome a dicir que as súas interpretacións son artaudiano-grotowskianas, parecen dous Ryszard Cieslak ofrecidos ao xogo teatral. Dous animais escénicos en estado de graza, posuídos polo ritual e, ao mesmo tempo, capaces de mirarnos directamente e de compartir o xogo, por veces atroz, por veces divertidísimo, por veces dunha tenrura anti-sentimental. Hai neles un clown que non é un clown, un humor de “títeres de cachiporra” de fondura abismal e despois, como por licuefacción, o texto que remata cunha frase, “Estamos aquí dentro e non nos estamos a mollar”, que nos encolleu o corazón. Ao meu lado unha espectadora chorando.
“XIV. SOBRE O MOVEMENTO
Sobre observar cando se apaga.
Sobre atender cando se prende.
Agora teriamos que profundar na palabra ABURRIMENTO
Sobre un corpo tomando decisións sobre corpos inermes.
Sobre a densidade dos corpos colonizados.
Sobre a beleza dos corpos libres.
Atención 5:
Procura que se lembren de ti en movemento.
Estamos aquí dentro e non nos estamos a mollar.”
Pero fóra, o último día de maio de 2025 en que volvín ver por terceira vez SOBRE, 14 propostas temáticas por se ti tamén te aburres, non chove. Non chove choiva, pero, sen dúbida, choven outras cousas que nos asolagan e que reverberan con forza neste momento do espectáculo.
As palabras que din ao micrófono Raquel e Artús, envoltos nunhas mantas, na parte final do espectáculo, son proferidas cunha concentración máxima, nunha atmosfera que vén cargada por todo o que aconteceu antes. Con eses “personaxes”, que non son personaxes, que se divertían mallando neles ludicamente, como nun concurso ou nun videoxogo, balbucindo sons inintelixibles e facendo accións indescritibles.

O derradeiro día de maio, despois da función, tamén presentamos o libro que publicou a erregueté, dentro da súa “Colección Dramaturxia Contemporánea – Nº 10”, unha escolma teatral na que podemos ler cinco pezas de Pedro Fresneda en galego, traducidas por Avelina Pérez e por min, con prólogos de Artús Rei e de Raquel Hernández. A presentación deste libro coincide co 30 aniversario da Cía. Ensalle, fundada en 1995. Textos e teatro para espertar e para alucinar ao mesmo tempo.
Para o lanzamento do libro, Ana Abad de Larriva, a subdirectora da erregueté pediume que redactara algo e eu, sen pensalo moito, case como nun exercicio de escrita automática fixen o seguinte texto, que tamén me gustaría compartir aquí, para pechar este artigo:
Propuxen traducir ao galego estes textos teatrais por varias razóns e por varios afectos. Primeiro, porque en 2024 se cumpriron vinte anos do Teatro Ensalle e hai que celebrar a Raquel Hernández e a Pedro Fresneda que, sendo de fóra, escolleron Vigo e nos brindan un espazo único e resistente para a creación contemporánea (que eu chamo dramaturxias posdramáticas). Hai que acollelos e querelos, pola súa arte comprometida, polo seu facer sempre coherente e sen concesións, polo seu labor heroico á fronte dunha sala independente e dunha compañía que non fai teatro dentro dos moldes do comercio das programacións ao uso. Segundo, porque antes de traducir estes textos, desfrutei cos espectáculos, desfrutei coa dramaturxia colectiva de Artús Rei, Raquel e Pedro, como núcleo constante, na cal eses textos xermolaron. Terceiro, porque estes textos teñen un valor literario e teatral moi singular, son moi estimulantes para ler e para xogar con eles. Hai unha profunda crítica á hipocrisía, á comenencia, á manipulación, a acomodarse, á “gilipollez” humana etc. Son textos con nervio, nos que as frases teñen a enerxía que sacode os temas que tratan, aínda que poidan tamén ter un lado poético grande. Son textos con humor acedo, que nos interpelan. Son textos que foron creados en Galiza, no medio urbano, en Vigo, en conexión co mundo. Como di Artús Rei nun dos prólogos, traducilos ao galego vén sendo un exercicio de xustiza ecolóxica, de restitución do texto á súa terra. Porque, ao meu ver, non se trata de obras desvinculadas do ecosistema cultural no que se dan. Hai moita toma de terra e tamén de mar.
Como espectador emocioneime coas pezas que hai neste libro cando estaban no escenario. Como tradutor rin co que está escrito o que non está escrito! E, ademais, sentinme compensado. A ver se me explico: grazas aos textos de Fresneda podo soportar mellor algúns desacougos que a vida viguesa e a actualidade mundial me impoñen. En resume, non son un remedio a todos os males que nos asolagan, pero axudan a enfrontalos.