O mercado de artes escénicas Galicia Escena Pro, que organizan a Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega, iniciou hoxe en Santiago de Compostela a programación da súa 12ª edición, que inclúe catro días de actividade con 21 funcións de teatro, danza e circo, 12 presentacións de proxectos, máis de 500 reunións profesionais, dúas mesas redondas e un concerto a cargo de Capital Voskov.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deulles a benvida a Galicia Escena PRO aos máis de 220 profesionais de toda a Península e ao público asistente ao mercado. Durante a súa intervención no acto que tivo lugar na praza de Mazarelos momentos antes da actuación de Colectivo Glovo coa peza de danza Trïade, o titular de Cultura do Goberno galego fixo fincapé no papel desta feira profesional como escaparate desde o que promocionar a calidade dos espectáculos que se producen cada ano en Galicia.
O conselleiro, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo, convidou os participantes a gozar das propostas artísticas e tirar o máximo proveito das actividades complementarias que conforman “un programa cada vez máis ambicioso” que inclúe 21 espectáculos de teatro, danza e circo contemporáneo, moitos deles producidos co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O obxectivo prioritario da feira, segundo explicaron, é “favorecer a súa contratación por parte dos máis de 80 responsables de mostras, circuítos e espazos escénicos que se dan cita no evento procedentes de diferentes puntos de Galicia, así como doutras sete comunidades autónomas e de Portugal”.
Consulta aquí o programa e o calendario completo da 12ª edición de Galicia Escena Pro.