Celso Parada, actor, director, fundador do Teatro do Morcego e figura fundamental do teatro galego das últimas décadas faleceu hoxe, despois dunha longa loita contra a enfermidade.
Parada é unha das figuras máis salientables da xeración que deu inicio ao teatro galego profesional. Formado xunto a figuras como Ryzard Cieslak, Etelvino Vázquez ou Victor Rotelli,a súa delongada carreira inclúe ducias de espectáculos, especialmente coas compañías Teatro do Morcego, da que foi fundador (O Lazariño de Tormes, Rapsodia Pimenteliana, Misterio cómico, Morte accidental dun anarquista, Os vellos non deben de namorarse, A gran ilusión, Momo, A farsa do bululú, O burgués fidalgo…), Via Láctea (Multimedia), Produccións Teatrais do Sur (Sempre Ubú, Macbett…), e co Centro Dramático Galego (A comedia do gurgullo, O colaborador, A cacatúa verde, O regreso ao deserto…).
Foi recoñecido por numerosos premios como o Premio Compostela ao mellor actor protagonista por Misterio Cómico, dirixido por Júlio Cardoso, en 1992; o Premio María Casares ao mellor texto adaptado polo Lazariño de Tormes, en 1998; o Xograr de Outono do Festival Outono de Teatro de Carballo en 2005; ou o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Mérito Teatral en 2006.
O pasado marzo, Celso Parada foi nomeado Académico de Honra pola Academia Galega de Teatro. A Mostra de Cangas exhibiu até o pasado 31 de xullo unha exposición que celebraba o trixésimo aniversario da compañía Teatro do Morcego.
Vaise un grande, pero permanecerá na memoria a través dos seus traballos teatrais e audiovisuais. Queda a súa enerxía singular e o seu gran talento, matizado polo sentido do humor. Tributo sempre para un dos nomes senlleiros do teatro galego.