Trátase dunha comedia dramática sobre os efectos da política e as terapias psiquiátricas coa que Contraproducións inicia un proxecto de colaboración cunha das empresas teatrais máis potentes do Estado, Focus.
No próximo Festival Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, estrearase O electo, unha comedia dramática de Ramón Madaula dirixida por Cándido Pazó. Trátase dunha coprodución entre Contraproducións, o grupo FOCUS e o propio FIOT, coa que Contraproducións inicia un proxecto de colaboración cunha das empresas teatrais máis potentes do Estado, Focus.
O electo reflexiona nun rexistro de comedia sobre os efectos da política e as terapias psiquiátricas. Nun hipotético tempo, nunha suposta situación, por un deses azares da aritmética parlamentaria e das conxunturas políticas… un candidato a Presidente da Xunta conseguiu o seu propósito, a grande meta da súa vida.
O día da toma de posesión, a piques de dar o discurso de investidura, aparece un atranco inesperado: un estraño e choqueiro tic nervioso ameaza con ridiculizar, ou mesmo arruinar, tan solemne e esperado momento.
Alarmado, reclama asistencia médica. E un psiquiatra acode para o atender e tratar de arranxar, en escasísimo tempo, tan inoportuno trastorno, iniciándose unha sesión urxente na que, nun contexto de humor agudo e sarcástico, asistiremos a unha batalla entre o político e o facultativo. Política contra ciencia, conciencia contra aparencia, poder contra poder. A pregunta que sobrevoa a función é: cales son as motivacións que levan a alguén a querer ser presidente do seu país, unha responsabilidade da que fuxiriamos a maioría dos cidadáns?
O electo contará con dous actores ben coñecidos polos seus papeis en cine, televisión e teatro: Manu Baqueiro no papel do político electo, e Antonio Mourelos como o psiquiatra. A escenografía será de Dani Trillo, a iluminación, de Afonso Castro, e a música de Manuel Riveiro.
O autor do texto, Ramón Madaula, conta cunha dilatada e premiada carreira actoral, na que que traballou en espectáculos do Teatre Lliure, Teatro Nacional de Catalunya, Grec, Romea, Poliorama ou o Centro Dramático Nacional, entre outros. Iniciouse como autor teatral no 2015 con Coses nostres, texto polo que obtivo o Premi Josep Atmetller. L’Electe, escrito en 2016, acadou un grande éxito de público e críticas e foi finalista no Torneig de Dramatúrgia Catalana de Temporada Alta. Posteriormente, estreou, Adossats, con dirección de Jordi Casanovas.
Cándido Pazó, que ademais de dirixir é o autor da versión galega de O electo, é unha figura de referencia no teatro galego: dende Ollomoltranvía, C.D.G., Teatro de Adro, Tanxarina, Talía ou Contraproducións, escribiu e dirixiu obras como O melro branco, Commedia, Nano, García, A piragua, As do peixe, Memorias dun neno labrego, O tolleito de Inishmaan, A galiña azul ou Fillos do Sol, entre moitos outros espectáculos polos que recibiu dous premios Max e numerosos María Casares. A súa traxectoria foi distinguida co Premio de Honra da Mostra Internacional de Ribadavia, o “Xograr de Outono” do F.I.O.T. o Premio “Xiria” da M.I.T.C.F. de Cangas e o Premio da Cultura Galega.