in

Semente para o porvir

CelsoParadaHouse |
| Manuel Xestoso |

 

Escribiu a súa propia esquela coma quen escribe unha carta de amor ao teatro: “Xa non mirarei aos ollos do espectador, nin a sentir a grande vertixe do actor nas táboas./ Voume co inmenso pracer do traballo, o teatro como un océano…”. Invitou ao sorriso, ao encontro de amizades arredor da súa despedida. E as amizades, o mundo do teatro, acudiron a sorrir e a atoparse, a despedilo cantando Grándola vila morena, un himno de rebelión que ben pode servir de prontuario do seu paso por este mundo. Em cada esquina, um amigo, em cada rosto, igualdade.

Celso Parada, Sito, é da estirpe dos pioneiros, deses que Bertolt Brecht chamaba os imprescindibles: os que loitan toda a vida. Gustaba da poesía, da música e, como non, do teatro. Mais tamén era unha persoa pragmática e decidida, unha desas persoas que saben que o traballo hai que facelo e non esperan a que outros o fagan. E el soubo sempre que este país había que transformalo e que o teatro era unha ferramenta de cambio para unha cultura subxugada, para unha lingua desprezada, para un pobo que non tiña onde verse reflectido.

De tantas cousas que hai que admirar da súa persoa, non é a menor a de que todo iso o fixese dende unha xenerosidade e unha bonhomía inmensurable. Dende a tenrura, que o seu xesto de enfado non lograba disimular, facía e animaba a facer. E dende unha visión do mundo no que o humor filtraba a amargura: podía estar encolerizado, pero non triste. Contábao Antón Reixa: ambos estaban estudando coa radio posta cando Tejero entrou no Parlamento aquel 23 de febreiro. A reacción de Sito foi darlle un carpetazo aos apuntamentos e exclamar: “Ao carallo o galego-portugués!”


Publicidade

No teatro non se conformou con posuír un talento extraordinario: foi innovador, visionario e tamén magnánimo. A lista dos que traballaron con el no Teatro do Morcego é case interminable. Con todos tivo algo que compartir e a todos lles ofreceu a oportunidade de participar nunha compañía que miraba ao futuro dende o recoñecemento a unha tradición non sempre ben lembrada: o morcego era aquel teatro que fascinou a Castelao en París, o Chauve-Souris que lle permitiu soñar cun teatro galego digno de tal nome. Sito sabíase un continuador daquel proxecto e talvez o mellor tributo que lle podemos render é perseverar no intento, insistir no seu propósito.

Na homenaxe que se lle dedicou a Ernesto Chao hai poucos días, en Ribadavia, Morris deixouno claro: un país non pode ser grande se non sabe despedir aos seus grandes. Celso Parada é insubstituíble, pero quizais a mellor despedida sexa custodiar a súa memoria non como reliquia, senón como semente para o porvir.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OElecto |

Contraproducións estreará ‘O electo’ no vindeiro FIOT de Carballo

MartaAlonso |

O CCG coproducirá os novos espectáculos de Artestudio, Marta Alonso e Kirenia Martínez