A Concellería de Cultura de Lourenzá convoca a terceira edición do certame de teatro afeccionado Concello de Lourenzá, que se rexerá polas seguintes bases:
1.- A Concellería de Cultura do Concello de Lourenzá (Lugo) convoca o III CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “CONCELLO DE LOURENZÁ”.
2.- Poderán participar unicamente compañías ou grupos de teatro afeccionado e que superen un proceso previo de selección, admitíndose calquera tipo de xénero e empregando preferentemente a lingua galega en calquera das súas variantes dialectais.
3.- Os grupos interesados en participar deberán inscribirse ben nas oficinas municipais do Concello de Lourenzá ou ben por correo, enviando a seguinte documentación:
- Ficha de inscrición que aparece na páxina web do Concello.
- Fotocopia do CIF do grupo ou compañía.
- Ficha artística e técnica.
- DVD ou pendrive coa gravación dunha representación da obra presentada a concurso.
Esta documentación enviarase á seguinte dirección: Concello de Lourenzá (III Certame de teatro afeccionado) Praza do Conde Santo 27760 Lourenzá (Lugo)
4.- O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación destas bases na web do Concello e rematará o día 30 de setembro de 2019.
5.- As representacións terán lugar no salón de actos do Concello os sábados e domingos do mes de novembro, establecéndose un máximo de 8 actuacións (a organización, en función da calidade das obras, poderá modificar o número de representacións). O horario das representacións será establecido pola organización.
6.- No mes de decembro terá lugar a entrega de premios nunha gala na que haberá unha representación teatral profesional. Para cada premio o xurado seleccionará tres nominados. Será na gala cando se coñeza o gañador de cada categoría. A nominación será comunicada pola organización aos interesados. Á gala final deberán asistir todos os nominados ou os representantes nos que deleguen.
7.- O Concello nomeará un xurado independente que presidirá o edil de Cultura ou a persoa na que delegue. O fallo do xurado será inapelable.
8.- Cada grupo ou compañía de teatro seleccionado recibirá a cantidade de 300 euros en concepto de participación, desprazamento, montaxe, etc. (Para recibir a citada cantidade, a compañía ou grupo deberá presentar factura).
9.- Establécense os seguintes premios:
- Premio “Conde Santo” á mellor representación: 750 € e trofeo.
- Premio “Lourenzo” ao mellor actor: trofeo.
- Premio “Ana” á mellor actriz: trofeo.
- Premio mellor actor de reparto: trofeo.
- Premio mellor actriz de reparto: trofeo.
- Premio á mellor posta en escena: trofeo.
- Premio especial do público: trofeo.
O xurado, de acordo coa organización, poderá establecer algún premio máis se o considerara oportuno.
10.- Os medios técnicos necesarios para a representación correrá a cargo dos participantes. As medidas aproximadas do escenario son: ancho: 5 m. fondo: 4.80 m. alto: 3 m. (na parte máis baixa).
11.- A xestión e o pago á SGAE polos dereitos de autor (se os houbera) correrán a cargo do grupo ou compañía participante no certame.
12.- Os grupos seleccionados deberán proporcionar á organización carteis do seu espectáculo (formato A3) cunha antelación mínima de quince días á data de comezo do certame.
13.- O Concello poderá cobrar unha entrada simbólica en cada representación, que en todo caso aprobará a Xunta de Goberno Local.
14.- Calquera circunstancia non prevista nas presentes bases será resolta de maneira inapelable pola Organización.
15.- Teléfono de Contacto: 982121006 (Mª José)