in

Xesús Ron: “O teatro é sempre o máis vulnerable porque segue sendo unha arte popular”

ChévereEquipoTeo |
É a segunda vez que Chévere é “expulsada”: tras a vitoria electoral de Gerardo Conde Roa, o candidato do PP á alcaldía compostelá, tiveron que pechar a sala Nasa despois de case vinte e cinco anos. Antes, tiveran que sufrir ataques baseados en mentiras e manipulacións por parte duns políticos que, ironicamente –como lembran na súa última montaxe, Curva España–, acabaron ante a xustiza por defraudar a Facenda ou por tráfico de influencias. Agora é a Concellaría de Cultura de Teo, do PSOE, a que os bota do seu novo fogar. | Manuel Xestoso |

 

Onte facíase público que Chévere ía ser desaloxado do Auditorio da Ramallosa, en Teo, o lugar onde a compañía instalara o seu campamento base e onde recibiu o Premio Nacional de Teatro, entre outros moitos recoñecementos que a sitúan na vangarda escénica estatal. Pero os galardóns, os trinta e tantos anos de traxectoria, os eloxios da crítica e a masiva recepción do público non parecen argumentos suficientes para a nova Concellaría de Cultura de Teo, agora dirixida polo PSOE.

A finais do mes de agosto, a nova responsable da área de Cultura do Concello comunicoulles que non tiña previsto convocar un novo concurso para compañías residentes e deulle ao grupo dúas semanas de prazo para que retirasen todo o seu material do auditorio municipal. Remataba así un ciclo de seis anos de actividade, que segundo o comunicado que fixeron público, “foron anos de traballo moi intenso e de implicación total nun concello que non era o noso, pero que nos acolleu cos brazos abertos nun momento especialmente difícil para a compañía”.

A concelleira de cultura mencionou “un novo modelo” cultural, aínda que polo de agora, non se sabe en que consiste. “A nova concelleira díxonos que nunca vira un espectáculo de Chévere e que nunca pasara polo Auditorio da Ramallosa nos seis anos que levamos xestionando o espazo. Falamos idiomas diferentes”, explica Xesus Ron, fundador e director de Chévere, sen poder disimular un certo desalento ante unha nova falta de comprensión das institucións que, teoricamente, deberían velar polo dereito ao acceso á cultura da cidadanía.

“Resulta difícil de explicar este desleixo se non é apelando a unha ignorancia e unha falta de visión pública moi preocupantes”, di Ron. “A concellaría está actuando cunha mentalidade populista que só pretende presumir de aforro económico, sen valorar o traballo feito durante estes anos. Todo apunta a que se vai seguir unha política cultural moi localista, sen ambición”.

Polo visto até o momento, o director cre que “hai un ambiente de crispación política que propicia ese xogo irresponsable de desfacer todo o que construíu o adversario político, nun empeño absurdo de diferenciarse para tratar de obter réditos electorais”. Esa falta de responsabilidade coa construción dun modelo que incida no compromiso das artes coa sociedade ten consecuencias fatais que non permiten o medre dos proxectos e que deixan á cidadanía orfa en canto a integración cultural”.

Os ataques ao teatro galego ocupan os titulares destes días e, coa mente posta na retirada de axudas ao FITO de Ourense por parte do concello, Ron afirma que “aínda que o de Ourense é máis grave, unha agresión máis directa que chega ao insulto persoal”, si que teñen en común a circunstancia de que “xa hai tempo que o sistema cultural galego é invisible para os políticos no poder. Preocúpanse unicamente de cubrir o expediente con programacións mellor ou peor deseñadas, pero non hai unha visión global que apunte a un modelo de coñecemento implicado coa sociedade”.

Neste contexto, “o teatro é sempre o máis vulnerable porque segue sendo unha arte popular, unha arte que hai que realizar en presenza da xente, en contacto con ela, e moi seguida polos sectores máis concienciados e inquietos da sociedade”. Segundo o director, “outras artes, como a música, permiten unha maior distancia, pero o teatro diríxese directamente ás inquietudes do pobo, e iso inquieta ao poder”.

 

Unha experiencia pioneira


Publicidade

O modelo de xestión seguido por Chévere durante estes anos ía moito máis alá de programar. “Existiu unha cooperación moi frutífera co tecido asociativo do concello: proxectos en colaboración con pequenos comerciantes como o Cacheiras Nadal Comedy; o Soundpainting Teo, un colectivo co obxectivo prioritario de integración social de persoas con diversidade que contou coa participación de asociacións, artistas locais ou a Banda Municipal; actividades no ámbito educativo; actividades de intercambio con artistas e compañías galegas e de fóra de Galicia; a posta en marcha da Berberecheira, un viveiro de creación único no país…”.

E logo están as Ultranoites, “que superaron todas as nosas expectativas, que esgotaban as entradas nun tempo récord, que chegaron a ter máis de mil e mil trescentos espectadores e que convocaron ao público de toda a comarca, habituais do teatro ou non. Tratamos temáticas universais e problemas máis locais, trouxemos artistas coñecidos que compartían escena con creadores da zona que se integraban así nun proxecto amplo… Dicirlles adeus ás Ultranoites é o que máis mágoa nos dá”.

Esas experiencias son as que proporcionan algo de esperanza: “son as cousas boas coas que quedamos. Son momentos vividos moi bonitos, cos que logras chegar á xente, cos que sentes o agradecemento polo que estás a facer, por un proxecto que atinxe a todos e que repercute positivamente en toda a comunidade”.

Pero por outra banda persiste ese sentimento de frustración “ao comprobar que non se valora todo ese capital acumulado: para mellorar algo tes que ter experiencia, tes que ter avaliado uns instrumentos de intervención na sociedade a través das artes e da cultura que se pon a proba día a día. Agora mesmo, o concello de Teo é dos poucos que poden presumir de ter esa experiencia, de ter experimentado cunhas ferramentas que demostran o seu valor social e cultural, pero non parece que se aprecie todo ese esforzo, todo ese traballo”.

 

Futuro incerto

“Supoño que calquera que siga as nosas montaxes percibirá ese desánimo crecente que se vai apoderando de nós, pero non podemos perder o humor, se non, é imposible vivir”, apunta Ron cando se lle pregunta polo futuro. “Agora mesmo estamos centrados en atopar un local onde poidamos traballar con dignidade”.

“Queremos seguir traballando nesta zona e quizais o futuro pase por crear un centro de recursos teatrais que sirva aoutros creadores nas súas producións”. Unha especie de ampliación da berberecheira? “Si, pero máis aberto, un espazo de creación e produción no que Chévere non teña unha presenza tan importante. Pero “teremos que atopar algún tipo de colaboración pública. Non sería un negocio, senón un centro que sexa complementario doutras dotacións que poidan existir e que precisen apoio técnico”.

A necesidade que ten a cultura de apoio público e o desleixo á hora de xestionar a política cultural provocan unha reflexión final: “A política está chegando a uns límites inaceptables. A cultura xa non forma parte da acción estratéxica dos partidos no poder, non teñen proxecto nin camiños trazados. E quizais o peor aínda está por chegar”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MarionetasDaFeira |

Catro espectáculos e un obradoiro no VI Festival Monecadas de Brión

Quintana |

Claudia Dias e Pablo Fidalgo en Escena Patrimonio