Sarabela Teatro estrea esta fin de semana, no Auditorio do Concello de Ourense, a súa nova montaxe, Crónicas do Paraíso, con dúas sesións: o sábado 21, ás 21:00 e domingo 22 ás 20:00.
Crónicas do paraíso é unha versión libre de As Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. A trama orixinal de Cunqueiro serve para darlle forma a unha nova estrutura narrativa habitada polo universo do crime. Mantense a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo. Mais nesta montaxe, os límites confúndense: a noite fúndese co día, a morte, coa vida e o drama, coa comedia.
A posta en escena –asinada por Gonçalo Guerreiro, da compañía Elefante Elegante– ten vocación contemporánea e mestura conscientemente os xéneros: a interpretación coa danza e as linguaxes non verbais co texto, escrito por Fernando Dacosta. Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago protagonizan unha montaxe na que participou un equipo de máis de vinte persoas.