in , ,

Xa están dispoñibles as entradas e abonos do 28º FIOT Carballo

carballo |

Carballo abre o pano do FIOT. Desde onte están dispoñibles para o público as entradas e abonos que conforman a programación do 28º Festival Internacional Outono de Teatro, a cita de referencia das artes escénicas en Galicia durante o outono e que se estenderá desde o venres 27 de setembro até o 1 de novembro. Co obxectivo de favorecer o acceso á programación de espectáculos, o FIOT pon, a disposición da cidadanía, entradas e abonos a prezo reducido. Así, todas as persoas menores de 25 anos, maiores de 65 anos ou que se atopen en situación de desemprego, poden adquirir o abono do Programa de Sala, que dá acceso aos 9 espectáculos, por 75 euros, 5 euros menos que o prezo ordinario. Ademais, as e os menores de 25 que prefiran asistir ás funcións con entradas individuais, poden ter un desconto automático de 3 euros en cada unha delas ao presentar o seu DNI no momento da compra.

A redución nos prezos chegará tamén ao ciclo OTNI e aos espectáculos da Rúa dos Contos que teñan lugar no segundo andar do mercado municipal de Carballo, como é o caso das actuacións de Carlos Blanco (29 de setembro) e Rodrigo Cuevas (5 de outubro). Nestes casos, as persoas menores de 25 anos, abonadas ou que sexan socias da Asociación Cultural Telón e Aparte, obterán un 50% de desconto nas devanditas sesións.

O público pódese facer desde hoxe cos seus abonos ou billetes para o Programa de Sala, OTNI e actuacións no mercado municipal, de xeito presencial, nas oficinas do Pazo da Cultura de Carballo, os venres de setembro, entre as 10.00 e as 13.00 horas, ademais dos mércores entre as 19.00 e as 20.30 horas. A venda de entradas tamén está aberta desde as 10.00 horas desta mañá a través da plataforma web Ticketea by Eventbrite. Ademais, no caso de que non se esgoten as entradas dalgún dos espectáculos da programación, será posible adquirir entradas o propio día da función na billeteira habilitada no recinto que se celebre desde 90 minutos antes do inicio da actividade.

No marco da programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que acada este ano as 21 edicións, terán lugar un total de 14 espectáculos, entre os que se inclúen os xa anunciados Mellores Monólogos de Carlos Blanco e a estrea en Galicia do Trópico de Covadonga de Rodrigo Cuevas. As entradas das iniciativas que se celebren en locais de hostalería e que precisen de billete para o seu acceso, poderanse retirar, tamén desde hoxe, nos propios recintos nos que se celebren. No caso da estrea absoluta de Un conto de michos, a nova creación para público infantil de Pedro Brandariz, a praza para acceder poderase reservar, previamente, na propia Biblioteca Rego da Balsa

 


Publicidade

Carballo convértese no corazón das artes escénicas de Galicia

O 28º Festival Internacional Outono de Teatro celebrarase a partir do vindeiro venres, 27 de setembro. Durante cinco semanas, a localidade de Carballo converterase no corazón das artes escénicas de Galicia, xa que a ampla e diversa programación do FIOT ofrecerá un total de 38 espectáculos, dos cales 9 serán estreas absolutas e 8 estreas no país, ademais de ducias de actividades paralelas dirixidas a públicos de todas as idades coa idea de achegar o mundo teatral á cidadanía.

Artistas como Carmen Maura, María Hervás e a Companhia do Chapitô, directoras como Carolina Román, Lucía Miranda e Miguel del Arco, ou os galegos Quico Cadaval, Cándido Pazó e Tito Asorey terán especial protagonismo na 28ª edición do festival, que porá o foco sobre a muller, as violencias, a exclusión social ou a xenofobia, entre outras cuestións. Baixo o prisma das #MIRADASFIOT, o festival carballés subirá ás táboas o testemuño de individuos e colectivos situados ás marxes da sociedade, para visualizar a diversidade do mundo no que vivimos, e proporá as artes escénicas como ferramenta para xerar conversa e reflexión arredor da sociedade actual.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Quintana |

Claudia Dias e Pablo Fidalgo en Escena Patrimonio

CronicasDoParaisoSarabela |

Sarabela estrea ‘Crónicas do Paraíso’, unha inmersión no universo cunqueiriano