in

Xornada sobre ‘Artes escénicas e interculturalidade’ en Carballo

CamiñoEscenaNorte2 |

O vindeiro mércores 9 de outubro, no salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo, a partir das 10:00, Escena Galega, en colaboración co Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), organiza unha xornada na que se reflexionará sobre a interculturalidade, centrándose no traballo de creadores e creadoras do eido das artes escénicas, e en distintas temáticas como a situación da creación dramatúrxica en cada Comunidade Autónoma do proxecto Camiño Escena Norte, a promoción e difusión de creacións noutra lingua distinta ao castelán ou a colaboración en distintos proxectos culturais e artísticos de diferentes territorios.

As xornadas ESCENA NORTE IDEA forman parte da programación expandida do proxecto Camiño Escena Norte, que promove en Galicia a asociación Escena Galega coas súas asociacións colaboradoras en Euskadi (Eskena), Asturias (EscenAsturias) e Cantabria (ACEPAE). En cada un dos territorios ten lugar unha xornada de reflexión arredor das artes escénicas enfocadas a temáticas máis aló da pura relación espectáculo-público, como a mediación coa cidadanía, o desenvolvemento económico ou a dinamización do medio rural.

 

O programa desta xornada de reflexión e debate será o seguinte:

10.00 – 10.15 h. Apertura da xornada. Representante da Deputación Provincial da Coruña, Escena Galega e FIOT Carballo.

10.15 -11.15 h. Mesa de debate. A situación da creación dramatúrxica na actualidade. Diferentes realidades territoriais, lingüísticas e de apoio á creación. Participan: Quico Cadaval e Roberto Salgueiro (Galicia), Maxi Rodríguez (Asturias), Carlos Troyano e Alberto Iglesias (Cantabria) e Patxo Tellería (Euskadi).

11.15 – 12.15 h. Mesa de debate. Promoción, distribución e difusión noutras linguas diferentes ao castelán. É posible a normalización da diversidade cultural e lingüística na creación e exhibición escénicas? Participan: Xron, Santiago Cortegoso e Eduardo Alonso (Galicia), Laura Iglesia (Asturias) e Patxo Tellería (Euskadi).

12.15 – 12.45 h. Pausa café.

12.45 – 13.45 h. Mesa de debate. O papel aguanta todo. Novas dramaturxias e outros procesos e fórmulas de creación escénica na actualidade. Participan: Gena Baamonde, Marta Pérez, Clara Gayo, Paloma Lugilde, Vanesa Sotelo e Ernesto Is (Galicia).

13.45 – 14.45. Dinámica de traballo participativa. Creación escénica e interculturalidade. É posible (e interesante) xerar proxectos entre creadores/as de diferentes comunidades? E diferentes linguas? Participan: Todos os creadores/as convidados/as á xornada e público asistente.

14.45 – 16.30. Pausa para xantar.

Presentarán e moderarán as actividades Anxo Manoel (director e creador escénico, membro da Xunta Directiva de Escena Galega) e Diego V. Meizoso (xerente de Escena Galega e coordinador de Camiño Escena Norte).

 

EXPERIENCIA COLECTIVA DE CREACIÓN EXPRÉS

Xa pola tarde, terá lugar unha experiencia colectiva de creación exprés, unha dinámica experimental de traballo de creación colectiva entre profesionais da dramaturxia das Comunidades Autónomas integrantes do proxecto Camiño Escena Norte (Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi) e 20 alumnos/as participantes, que propón o reto de xerar e mostrar nunha sesión varios proxectos escénicos arredor da temática Encontro entre culturas diferentes. Coordinará Santiago Cortegoso.

Participarán creadores/as convidados/as á xornada e 20 persoas externas como máximo, previa inscrición no correo [email protected] ata o mesmo día da xornada, co asunto Inscrición xornada 9 de outubro e indicando nome e apelidos/teléfono e correo-e de contacto/profesión e/ou interese nesta proposta. Se o día da xornada quedaran prazas libres para a actividade as persoas asistentes poderán inscribirse no propio espazo, contactando co persoal responsable do evento.


Publicidade

 

Dinámica

Consiste en traballar en equipo, de xeito práctico e participativo, sobre propostas de creación arredor do tema que lle dá sentido ao proxecto Camiño Escena Norte: o encontro entre culturas diferentes. Todo en tres horas e traballando en equipos creados “ad hoc”. Os e as profesionais convidados/as hanse encargar de xerar cadanseu bosquexo de proxecto dramatúrxico en pouco tempo, desde a liberdade creativa e formal e co seu estilo persoal. Logo vanos expoñer nun “pitching rápido”, que cada un/unha estruturará á súa maneira.

Entre os bosquexos presentados, farase unha votación entre todos/as os/as participantes, despois da cal serán seleccionados catro proxectos. Os/as catro promotores/as das ideas seleccionadas pasarán a ser os/as coordinadores/as de cada grupo de traballo, aos cales se adscribirán libremente o resto de dramaturgos/as e participantes.

Así pois, catro grupos de traballo intercomunitarios, formados por profesionais e por participantes inscritos/as, traballarán o resto da tarde sobre cadanseu proxecto dramatúrxico, para facer unha presentación pública do resultado final. Esta pequena presentación (que non debe exceder os cinco minutos) pode adoptar a forma que ao grupo lle pareza axeitada: unha lectura dramatizada, unha pequena escena interpretada polos participantes, a exposición dun proxecto de espectáculo máis ou menos desenvolvido, etc., tendo en conta que o importante non é o acabado do resultado final, senón o proceso de traballo conxunto, o intercambio de ideas e a potencialidade das propostas que xurdan.

 

Creadorxs participantes nas xornadas

GALICIA

Gena Baamonde
Creadora, directora, investigadora e intérprete con ampla traxectoria escénica, interesada nas prácticas artísticas bastardas e nos cuestionamentos da tríada sexo-xénero-sexualidade que atravesan os corpos. Está a desenvolver a tese doutoral, Sexualidades des-xeneradas. Titulada en Arte Dramática, Posgrao e Mestrado en Artes Escénicas, forma parte do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro. Ven de dirixir diversos proxectos para Matrioshka Teatro, Xarope Tulú, A Panadaría ou o CDG. Actualmente desenvolve o proxecto escénico Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos.

Santiago Cortegoso
Autor, director e actor de teatro.
Despois de traballar como actor en numerosas compañías galegas, intensifica a partir de 2010 a súa actividade na escrita e na dirección de escena, nomeadamente á fronte da compañía Ibuprofeno teatro, que ten en cartel a Triloxía Gastronómica: Casa O’Rei (2018), Raclette (2016), O furancho (2015), e afronta a creación do proxecto O mel non caduca (2020) Nesta xornada, ademais, coordina a dinámica de creación colectiva que terá lugar en horario de tarde.

Clara Gayo
Formouse na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto e cursou o “II Curso de Posgrao de Interpretación e Arte Dramático” organizado pola Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Así mesmo, cursou “Pistas para unha dramaturxia de actualidade (I, II e III)” obradoiro organizado polo Centro Dramático Galego (2006 – 2009). En 2009 foi seleccionada para os “IV Encontros en Magalia de Creación Contemporánea” organizados pola Red de Teatros Alternativos co seu texto/proxecto: Agorafobia. Parálise sobre o medo que posteriormente autoeditou coa colaboración de RedeNasa (colección Ultratextos). En 2010 Estaleiro Editora publica Movidas e Razóns de peso. No mesmo ano escribe A mirada de Pier para Nut Teatro. En 2014, a erregueté | Revista Galega de Teatro publica Prohibido sufrir. No ano 2015 gaña o Premio do Xurado da IX edición do Premio de Teatro Radiofónico do programa Diario Cultural da Radio Galega, con Evasión e no ano 2017 queda finalista na XI edición con Proxecto Tempo. Dirixe e escribe para FarandOleiras Cabaré desde o ano 2009. Cofundadora da Asociación de Dramaturxia Galega DramaturGA (2015)

Roberto Salgueiro
É autor e director teatral. Responsable da Aula de Teatro da universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1990, dirixe a compañía institucional de teatro e imparte aulas de dirección, interpretación e escrita teatral. No ano 2019 esta Aula de Teatro recibe o premio honorifico da Asociación de Actores e Actrices de Galicia en recoñecemento á súa traxectoria.
Como autor teatral ten recibido os premios Álvaro Cunqueiro (1988,2000,2002,2007), Carlos Couceiro (2002), Abrente (2006), Rafael Dieste (2015). Na súa traxectoria como dramaturgo ten escrito máis de trinta pezas e publicou diversos ensaios e traducións.

Marta Pérez
Actriz e creadora escénica. Directora de Inversa Teatro coa que leva sete producións desde a súa fundación no ano 2009. Premio Teatral Maruxa Villanueva e Premio do Público Coiro de Pita da Sala Ingrávida de Porriño polo espectáculo Té con Kant. No 2016 recibe o II Premio de dramaturxia breve a Pipa de Becerreá pola peza Catiúscas. Coordinou os Encontros Mulleres Creando do FITO de Ourense desde o 2015 ata o 2019. De xeito puntual ten colaborado escribindo artigos en diferentes revistas de teatro en Galicia e publicado en obras colectivas e durante o 2018-2019 foi colaboradora de Escénicas no ZigZag Diario da Tvg.

XRon
Actor, director e activista cultural.
Intégrase no Grupo Chévere en 1988, realizando labores de creación de textos, produción teatral, interpretación e dirección artística e escénica. En 1992 participa na creación da Nave de Servizos Artísticos-Sala NASA, ocupándose da xerencia e direción artística ata 2011. Foi membro da xunta directiva da Red de Teatros Alternativos (1999-2003) e do Consello Asesor do Centro Dramático Galego (2006-2009). Formou parte do Colectivo Burla Negra e da Plataforma Nunca Máis, participando na creación e desenvolvemento de proxectos de axitación cultural como O País de Nunca Máis, Foro Negro da Cultura e Hai que botalos. En 2010 participa na creación da plataforma dixital de contidos culturais Redenasa.tv. Dirixe o programa de residencia teatral de Chévere no concello de Teo, 2012-2019.

Paloma Lugilde
Directora, dramaturga, docente e actriz.
Actualmente está o fronte da productora do mesmo nome (con dous liñas de traballo: infantil Palimoco e no ámbito da investigación Teatro baixo a área ) e a Escola Palimoco Teatro Danza.
Foi directora da Compañía de Teatro USC-Lugo perante 13 montaxes polos cales recibíu varios recoñecementos como dramaturga. Leva 6 anos dirixindo a Compañía de Teatro Down Lugo e traballou tamén no ámbito penitenciario. Perante 11 anos involucrada no ámbito educativo no Colexio Fingoi de Lugo con teatro como asignatura dentro do curriculum.
Formouse entre outros no ámbito dramaturxico con Isabel Úbeda (Odin Teatre), Carles Alfaro e Anxeles Cuña

Ernesto Is
Dramaturgo, narrador oral, redactor da erregueté e profesor de teatro e escrita.
XI Premio Abrente (ex aequo) coa obra Fendas e XVIII Premio Rafael Dieste con Despois das Ondas. Seleccionado no Programa de dramaturxias actuais do INAEM no 2017 para desenvolver a peza El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. Xunto a Feira do Leste e Belabesta Teatro ten estreadas tres dramaturxias de proceso: Exilio das Moscas, Tras Tannhäuser (Premio Creación Joven 2016 do INJUVE) e Epiderme.

Vanesa Sotelo
Dramaturga, actriz e directora teatral. Autora de títulos como Nome: Bonita (Premio Mondoñedo 10 á mellor obra teatral da década en lingua galega), Memoria do incendio (XIII Premio Josep Robrenyo), Campo de Covardes (IV Premio Abrente de Textos Teatrais) ou Indoor (Premio do Xurado do IV Certame “Diario Cultural”), actualmente combina o seu traballo creativo na compañía Incendiaria coa faceta como pedagoga en diferentes entidades de Galicia e Portugal. Vanesa Sotelo é a directora da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Quico Cadaval
Ribeira 1960. Vila mariñeira, ascendencia labrega, crianza tabernaria, educación franquista.
Nos comezos do rexime monárquico frecuentou a universidade de Santiago no ramo das Artes e practicou a desidia, o hedonismo e o actividade política en doses moderadas. Entra no teatro pola mao de Xavier Lourido e Roberto Vidal, e fica para sempre por culpa do maxisterio de Xoán Cejudo. Inventa “Un Códice Clandestino” e nos noventa convertese en animal de compañía de Mofa&Befa. Isto dálle un prestixio que remata por despertar a envexa do CDG, que lle encomentada varios espectáculos. Actualmente dirixe para Excéntricas “MedidaXMedida”, co mellor reparto do mundo.

Eduardo Alonso
Enxeñeiro técnico naval pola Escola de Enxeñeiros Técnicos de Ferrol, licenciado en Ciencias da Imaxe e licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Cursou estudos de Arquitectura na Escola Superior de Sevilla e de Arte Dramática na Escola Superior de Córdoba.
Comezou a súa actividade teatral en 1965, sendo cofundador das compañías teatrais Teatro Zoo de Madrid (1970-1977), Teatro Andrómena de Santiago de Compostela (1979), Teatro do Estaribel, Cooperativa Teatral Galega (1980-1981), da produtora de cine, vídeo e teatro Produccións do Noroeste (1986-1991), e da compañía de teatro Teatro do Noroeste (1991).
En 1984 elaborou, a instancias da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, un proxecto de Centro Dramático para Galicia, sendo posteriormente encargado de levalo á práctica, creándose así o Centro Dramático Galego do que foi primeiro director. En 1985 foi nomeado polo Ministro de Cultura, membro do Consello Nacional de Teatro. En 1987 elabora, encargado pola Consellería de Cultura e Benestar Social, un proxecto de Instituto Galego das Artes do Espectáculo, organismo para a potenciación en Galicia do cine, o teatro, a danza e as artes audiovisuais. Ten publicados varios traballos teóricos relacionados coas representación teatrais.
En 2010 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.

Anxo Manoel
Iníciase no mundo da actuación da man de Achádego Teatro e o xermolo que alí nace non deixa de medrar. Curtametraxes, películas, webseries, monólogos, presentacións de diversos eventos e moito máis teatro son os seus nutrintes.
En 2013 coincide con Isa Herrero e Rubén Pérez na fundación do proxecto teatral Microefectos dramatúrxicos do que segue formando parte.
No 2015 e xunto a estes dous útltimos embárcase nesta nova aventura; Lucecús Teatro, un proxecto no que os tres integrantes do mesmo afrontan todas as fases do proceso, dende a escrita até a posta en escena.
Promotor do proxecto Microefectos Dramatúrxicos, para o que crea tamén textos orixinais.

 

ASTURIAS

Laura Iglesia
Licenciada en Filoloxía Hispánica especialidade Literatura pola Universidade de Oviedo. Máster Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria pola Universidade de Oviedo, especialidade Asturiano. Máster en Formación e Investigación Literaria e Teatral no Contexto Europeo pola UNED. Especialista en produción, xestión e distribución de espectáculos polo curso organizado por SGAE, Fundación Autor, Máster en Xestión Cultural: Música, Teatro e Danza ICCMU Madrid. Complementa a súa formación teatral participando en múltiples talleres e cursos impartidos, entre outros, por José Carlos Plaza, Eugenio Barba, Calixto Bieito, Mario Gas, Emilio Gutiérrez Caba, José Sanchis Sinisterra, etc.
Membro fundador de Higiénico Papel Teatro en 1996, compañía xixonesa na que desenvolve a maior parte do seu traballo como directora de escena, autora, produtora e actriz. Máis de cincuenta espectáculos dirixidos dan conta da súa densa traxectoria profesional, unha das máis consolidadas do panorama teatral asturiano. As súas producións están apoiadas por numerosos premios. Entre outros foi finalista ao Premio Max Revelación en 2007 e 2010.

Maxi Rodríguez
Actor, dramaturgo e director de escena. Galardoado con numerosos premios teatrais (Borne, Marqués de Bradomín, Jovellanos, Oh!, finalista “Max”…) Traducido e estreado en varios países (Portugal, Grecia,Francia…), foi guionista da telecomedia 7 Vidas (Premio Ondas) e da longametraxe Carne de Gallina de Javier Maqua, onde interpreta un papel protagonista. Colaborador fixo do diario La Nueva España e de varios programas de televisión.

 

CANTABRIA

Alberto Iglesias
Dramaturgo, actor e director de teatro. Nos seus máis de 25 anos de carreira profesional cultivou varios premios de dramaturxia nacionais e un bo feixe dos seus textos foron levados a escena. Ten preto dunha ducia de títulos publicados en diversas editoriais. En xaneiro de 2020 o seu último traballo como autor/director, El hombre y el lienzo, fará tempada no Teatro Fernán Gómez de Madrid.

Carlos Troyano
Produtor, guionista e dramaturgo. Durante toda a súa vida escribiu e creou textos teatrais, máis é dende o seu traballo na compañía Anabel Díez Producciones dende a que profesionaliza a súa paixón, converténdose en produtor executivo da mesma e autor de moitos dos textos que poñen en escena. Entre eles podemos destacar Beato, Eso harás si me deseas, El jardín de las posibilidades ou a peza infantil Juanita no tiene miedo. É ademais guionista e creador das tramas para a recreación histórica Guerras Cántabras, así como guionista da primeira serie de ficción rodada en Cantabria, Donde el río suena.

 

EUSKADI

Patxo Tellería
Licenciado en Pedagoxía (1982) pola Universidade de Deusto e en Filoloxía Vasca (1990) pola Universidade do País Vasco.
Actor e director de cinema e teatro, guionista e dramaturgo.
Como dramaturgo, empezou a súa andaina no grupo teatral Maskarada.
No 2000 fundou con Mikel Martínez e Jokin Oregi o proxecto teatral Tartean. Para esta compañía escribiu Historias dun Contedor (2001), “Espectáculo revelación de Euskadi” nos Premios Max dese ano, Sonata nun segundo… e pico (2003); Euskera Sencilloaren Manifiestoa (2002), Premio Max ao mellor texto en euskera; Larruaizetara (2005) ou Euskarazetamol (2009)

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DeixadetocalaSamDavidRodas |

Deixa de tocala, Sam

LobisimoDoSaco |

Bernardino Graña publica ‘Lobísimo do saco. Tres titiritadas’