in

Deixa de tocala, Sam

DeixadetocalaSamDavidRodas |

Como vivir: velaí a cuestión

| Ana Abad de Larriva |
| Foto: David Rodas |

 

AveLina Pérez é unha valente. En Deixa de Tocala, Sam, que se presentou os días 21 e 22 de setembro de 2019 no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG), enfróntase aos piares do teatro convencional, ao poder, á desigualdade, aos discursos incoherentes e mesmo lle pide explicacións ao propio Deus. Faino cunha montaxe que contén o seu xa selo propio, nunha autenticidade sen filtros que se agradece: textos incisivos, enchoupados de carga crítica e cun punto ácido, que se desenvolven ata chegar ao absurdo pola repetición, a acumulación e a esaxeración (e que, aínda así, baixo ese filtro aparentemente deformador, non quedan nada lonxe da realidade, senón que aínda se achegan máis ela); e un estar escénico que aboia entre a aparente presenza mínima e a entrega ás accións físicas e vocais. De feito, hai momentos en que a conxunción destas en relación coa potente música en directo estremece.

No escenario líbrase unha cruenta batalla: dun lado do ring, a dramaturga, directora e actriz AveLina Pérez; do outro, Hamlet, personaxe clave na historia do literatura dramática e do teatro occidental. Enfróntase a un peso pesado: o soliloquio do príncipe de Dinamarca é unha das pasaxes máis coñecidas dos textos de William Shakespeare e a obra segue a gozar dunha gran saúde escénica. Porén, no combate contra o arquetípico personaxe, AveLina non está soa. Nesta ardua tarefa acompáñaa o pianista e artista multidisciplinar Velpister, de quen destacan especialmente o seu virtuosismo e enerxía ao piano e como se complementa no xogo escénico coa actriz.

Formúlase unha interesante reflexión arredor do lugar en que unha ou un decide (ou pode) situarse: aí, no lugar da facilidade, no lugar do privilexio, dos que comen pipas mentres a vida decorre ante eles, das aparencias, dos príncipes de coroa dourada que rebordan testosterona e enchen os teatros, mentres soa “a peza dos que parecemos felices”; ou no lugar de quen arrastra a cruz, de quen se debate cada día entre comer e non comer, no da señora á que lle cae o dente de ouro mentres dá de comer aos peixes da praza e que é tapada polas sombras dos eruditos que se manifestan con pancartas que levan as citas doutros eruditos. AveLina apela directamente ao público ao falar do tempo que ocupa nas nosas vidas o sentimento de culpa (auto)imposto e tamén das aparencias, desa necesidade de sentir ou obrigarnos a sentir aquilo que non sentimos.

Na peza déixanse caer, como ela di, anacos, partes de algo moitas veces oculto e sen cabida nos teatros. Mais estes cachos de vida, ácidos, aparentemente cubertos dun punto de absurdo, achéganse a iso, ás veces tan estraño, tan absurdo, que é o acto de vivir; cando xa nin os príncipes nin as leccións catárticas das traxedias nos poden salvar, nin tan sequera vingar. No escuro, a actriz marcha da sala mais aínda resoa a súa voz pedindo unha explicación a alguén, a alguén que saiba o que é en verdade vivir. Varias espectadoras resumían así Deixa de tocala, Sam, ao rematar a función: “é unha peza diferente, dura, que che fai reflexionar”.


Publicidade

Deixa de tocala, Sam xurdira como unha acción teatral presentada en maio de 2018 no ciclo de Teatro Ob-sceno (Fóra de escena) organizado polo CDG, que dá cabida a aquelas propostas cunha duración máis reducida do habitual, que precisen dun espazo alternativo ao escenario para a súa mostra, e estreouse en formato estendido no Teatro Ensalle, en Vigo, en decembro de 2018. Nesta nova presentación no Salón Teatro, a peza, na súa versión ampliada, levouse ao escenario, en vez de facerse na zona do montacargas, como se fixera na mostra da acción teatral orixinal.

Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez & Velpister

Dirección escénica e dramaturxia: AveLina Pérez.
Dirección musical e piano en directo: Velpister.
Elenco: AveLina Pérez e Velpister.
Iluminación: Daniel Casquero.
Produción: AveLina Pérez.

Salón Teatro do CDG, Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2019.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

KareluNaufragos |

Náufragos Teatro presenta ‘Karelu’ no Salón Teatro de Compostela

CamiñoEscenaNorte2 |

Xornada sobre ‘Artes escénicas e interculturalidade’ en Carballo