A Sala Ingrávida do Porriño acolleu onte a presentación da súa tempada 2019-2020 centrada na creación de redes. Nesta sexta tempada, Ingrávida continúa apostando pola liña de teatro contemporáneo e a construción de pontes con Euskadi, Madrid, Asturies, Andalucía e Portugal. Compañías como ArtesaCia, Teatro del Andamio, Anómico Teatro, Fantoches Baj ou Incendiaria e creadoras como Joana Craveiro, Paloma Lugilde, Isabelle Stofel ou Alessandra García conforman unha programación onde a creación feminina é protagonista e onde a formación e a creación se combinan para crear comunidade.
O venres 11 de outubro dá comezo a nova tempada coa compañía Mortificación –gañadora do Premio Coiro de Pita 2019– e o seu espectáculo Señor, yo quisiera atravesar las puertas de la carne. De igual modo, o 18 e 19 de outubro será tempo para En tierra (Grounded) da compañía Recycled Illusions, unha actualización da mirada da Gorgona interpretada de Isabelle Stoffel. Las muertes de los otros será a peza multisensorial coa que a compañía vasca Moon Produzioak pechará o mes o 25 e 26 de outubro.
Novembro é tempo para o espazo “Sumidoiros” en Ingrávida coa presentación do traballo da compañía gañadora da primeira edición deste programa dedicada á dar continuidade aos exercicios realizados nas escolas de arte dramática. Así, a compañía Pornós presentará o seu FARTS despois dun período de residencia artística na propia sala. O espazo “Novos formatos” será o que se desenvolva os días 8 e 9 de novembro con pezas demasiado novidosas ou demasiado curtas como para ter un día propio na programación de sala. Pola súa parte, o 15 e o 16 de novembro ArtesaCía regresa a Ingrávida con Illas Desertas da man dos “transartistas” Laura Villaverde e Roi Fernández. Finalmente, para pechar o mes, a sala acollerá o resultado do obradoiro “Viaxe cara ao desastre” desenvolvido pola Escola de Teatro Xerpo co dramaturgo Julio Fer.
Precisamente, en decembro Julio Fer presentará o seu traballo Mer os días 13 e 14 de decembro coa compañía Anómico Teatro.
O 2020 comezará en Ingrávida con Debut (en proceso) da andaluza Rosa Romero os días 10 e 11 de xaneiro. Os días 17 e 18 de xaneiro será tempo para O asombro con Díaz Castro, de Fantoches Baj, un espectáculo poético-musical da man de Inacio Vilariño elaborado nos textos Nimbos, de Xosé María Díaz Castro e Eidos, de Uxío Novoneyra. Finalmente, os días 24 e 25 de xaneiro será tempo para On, el funambulista da compañía asturiana Luz, Micro y Punto. De igual modo, a última fin de semana de xaneiro terá lugar a estrea do novo proxecto de teatro comunitario da Comuna Ingrávida: un espectáculo dividido en cinco episodios que se estreará ao final de cada mes de xaneiro a maio baixo o título Que quede entre nós e que ten a cuestión do “segredo” como fío condutor.
En febreiro regresa #interferenciavarada, a última proposta de Xerpo Cultural con dirección de Irene Moreira para continuar o 14 e 15 de febreiro coa portuguesa Joana Craveiro e o seu traballo arredor da conferencia performativa con “Quotidiano Revolucionário das Mulheres na Revolução Portuguesa”, “Bairro das Ex.Colónias” –publicado no número 90 da erregueté– e “Silencios persistentes. O meu pai”. Por outra parte, continuando co programa “Febreiro sempre será o mes máis cativo”, a sala ofrece tres espectáculos para público familiar os domingos 2, 9 e 16 con Titiricircus, Ñam e Mulleres de aquí e de alá, respectivamente.
Marzo comezará en Ingrávida con Putero: radiografía dun pobo, unha proposta de Xerpo baixo a dirección de Irene Moreira os días 6 e 7. O programa continúa o 13 e o 14 de marzo coa compañía coruñesa Teatro del Andamio que achega a Ingrávida a súa Insubmisión: un texto de Rosa Molero sobre a violencia que se xera no ámbito familiar con interpretación de Gema Ulloa e Fran Giraldo con dirección de Tatiana Likhacheva. Pola súa parte, Contra La Lloradera é o título dun novo espectáculo chegado de Euskadi, desta vez da man da compañía Arimaktoré, para ofrecer unha viaxe de insomnio polos versos de Juan Gelman os días 20 e 21 de marzo.
Abril será tempo para o espectáculo Mujer en cinta de correr sobre fondo negro que a compañía andaluza Alessandra García gravitará no Porriño os días 3 e 4. De igual forma, Palimoco Teatro tomará o relevo os días 17 e 18 de abril con Cartografía de Medea, da man da creadora Paloma Lugile.
Despois da proposta musical de Red Vox prevista para o 2 de maio, a compañía Incendiaria presenta o espectáculo Microspectivas dun Marica Millennial os días 8 e 9 de maio, antes de dar paso á convocatoria Sumidorios 2020 que se celebrará o 15 e 16 de maio.