in

Comeza o XXIV Festival Internacional Galicreques

acarteiradeaugasclaras |
O Festival celebrarase entre este sábado 12 e o domingo 20 de outubro enchendo de monicreques espazos como o Teatro Principal, a Fundación SGAE, a Alameda ou os centros socioculturais.

 

O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde, celebrará a súa 24º edición entre o 12 e o 20 de outuro cunha ampla programación que ofrecerán un total de 25 compañías, tanto estatais como internacionais. Neste ano, Galicreques inclúe máis de 50 funcións que se repartirán nos escenarios do Teatro Principal, a Fundación SGAE, os centros socio culturais de Santa Marta, a Trisca, o Ensanche, Vite, Conxo e o Castiñeiriño, como tamén locais comerciais como a Matrisoka Tenda ou O Besbello Bar Cultural. Ademais, un ano máis, a presenza de Galicreques farase notar en prazas como o Toural ou na xa tradicional carpa que o festival instala na Alameda.

A programación volverá contar cunha marcada presenza internacional ao incluír profesionais e compañías procedentes de Francia, Perú, Bosnia, Arxentina ou Portugal, ademais de formacións procedentes de Castilla La Mancha, Valencia e Madrid. Ademais, este ano Galicreques ofreceralle ao público compostelán un total de sete estreas.

Unha das producións máis destacadas no panorama galego chegará da man de Producións Teatrais Alakrán, que presentará Finisterrae, o último ultramarinos no Galicreques. No apartado estatal, dúas serán as estreas procedentes doutras comunidades autónomas. Dende Madrid, chegará ao Festival Galicreques a estrea de Pazzzzzz, da compañía madrileña La Mar de Marionetas, e dende, Valencia , Triestitelles dará a coñecer o seu espectáculo El viaje a la Luna, Le voyage dans la lune. No panorama internacional, o Festival Galicreques ofreceralle ao público compostelá as novas producións de tres compañías arxentinas: Tres Tigres Teatro, Teatro Piedra Libre e La Pelela Títeres. A última estrea que ofrecerá o festival Galicreques nesta vixésimo cuarta edición será El Barrendero, de Mad Compass, unha coprodución que une as forzas de artistas procedentes de compañías galegas, francesas e italianas.

 

Trece funcións escolares

Un ano máis, a creación de públicos será un obxectivo priomordial do Festival Galicreques, que inclúe un total de trece funcións escolares entre o luns 14 e o venres 19. Máis de 1.000 rapaces e rapazas de centros de ensino acudirán a programación escolar, que se desenvolverán na Fundación SGAE, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta.


Publicidade

Precisamente, os centro socioculturais serán un dos puntais da programación deste ano. Galicreques, coa intención de achegar o xénero dos monicreques ao público dos barrios, ofrecerá un total oito funcións, de maneira que aos escenarios tradicionais do Teatro Principal, a Fundación SGAE ou o xa citado de Santa Marta, cómpre engadirlles os centros da Trisca, Vite, Fontiñas, Conxo ou o Castiñeiriño. Todos estes centros de xestión municipal acollerán funcións de diferentes compañías, realizando un exercicio de proximidade e de integración cultural dos barrios.

Por outra banda, Galicreques converterá diferentes espazos da cidade en escenarios para as actuacións de rúa, procurando xerar así un vínculo de proximidade co público compostelán. Así, mañá, sábado 12, día inaugural do festival, a Praza de Praterías acollerá ás 13.30 horas a actuación Limpiabotas, de Mad Compass. E o domingo, á mesma hora, a compañía galega Fantoches Baj representará o pasarrúas Velocíclopes pola Alameda, a Rúa do Franco, a Praza de Praterías e o Toural. Esta última praza, ademais acollerá os obradoiros para a rapazada impartido por El Trastero de Lúa. A Alameda, finalemente, será outro ano máis outro punto neurálxico do Galicreques, xa que a carpa do Festival acollerá o groso das actuacións na fin de semana do sábado 19 e domingo 20.

 

Compañías galegas

O programa deste ano inclúe un total de 25 compañías, das cales once son galegas (Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Spaguetti Títeres, Fantoches Baj, Larei Lará, Danthea Teatro, Producións Teatrais Alakrán, A Xanela do Maxín, Mircromina Teatro, ART-Monium ou Teatro de Marionetas Trécola). Do resto de España, chegarán compañías de Madrid (La Mar de Marionetas), Valencia (Triestitelles) ou Castela La Mancha (Títeres Larderos). No plano internacional, chegarán formmacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres, La Pelela Títeres) e Portugal (Marionetas da Feira), así como compañías formadas por profesionais de Bosnia e Perú (como é o caso de Gaia Teatro) ou de Francia e Italia (Mad Compass)

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

JanetNovasMercedesmaiseu |

Xira de ‘Mercedes máis eu’, de Janet Novás e Mercedes Peón

AlejandraBalboa |

Teatro Ensalle presenta o programa especial SeisCordas Galicia