in

Laiovento publica o ‘Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña’, a primeira obra impresa en galego

EntremésRoel1 |
O descubrimento desta obra retrotrae en cen anos a aparición da obra impresa en galego.

 

Edicións Laiovento vén de publicar O Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, unha obra de Salvador Francisco Roel que foi representada na Coruña en 1707 e impresa en Compostela entre 1708 e 1712. Trátase dunha obra de teatro breve en verso na que participan seis personaxes populares: tres homes e tres mulleres. Estes reciben a nova, que despois celebran, do nacemento do príncipe herdeiro de Felipe V, no contexto histórico da Guerra de Sucesión española e foi composto para celebrar o nacemento do primoxénito de Filipe V e María Gabriela de Savoia, que reinaría brevemente como Luís I. 

O exemplar foi descuberto recentemente por Julio González Montañés dentro do campo das súas investigacións sobre o teatro en Galicia dos séculos XVI ó XVIII. A pesar da súa brevidade, o interese histórico, lingüístico e literario da obra é extraordinario, dado que se trata do máis antigo texto impreso en lingua galega publicado como obra independente, o que retrotrae en cen anos a aparición da obra impresa en galego.


Publicidade

Este dato cronolóxico por si só xa supón a necesidade dunha reformulación historiográfica dos denominados Séculos Escuros. Ademais de ramo momentáneo de outras importantes exhumacións do XVIII, o Entremés de Roel resulta unha peza clave para establecer unha especie de tradición literaria, aínda que feble, no campo do teatro galego durante este período.

No número 108 de A trabe de ouro, Anxo Angueira cualificaba a súa aparición como “unha descuberta extraordinaria” que invitaba a repensar o século XVII como “moito menos escuro do que se pensaba e no que están as raíces, en continuum, de todo o que veu no XIX, incluído o denominado Rexurdimento”. O propio González Montañés considera de grande interese a aparición dun texto que axuda a debuxar mellor un escenario no que o teatro en Galicia e en galego mantén unha continuidade dende finais do século XVII, data do Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, que até hai pouco tempo adoitaba a contemplarse como “unha excepción”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MedidaXMedidaExcentricas |

Medida x Medida

Oquesegue |

Funboa Escénica estrea ‘O que segue’ no Salón Teatro de Compostela