in

Funboa Escénica estrea ‘O que segue’ no Salón Teatro de Compostela

Oquesegue |

Os vindeiros 18, 19 e 20 de outubro, no Salón Teatro de Compostela, Funboa Escénica, a compañía creada por Cristina Balboa, estrea o seu novo espectáculo, coproducido polo Centro Dramático Galego: O que segue.

O que segue creouse nas residencias Paraíso do Colectivo RPM e do Salón Teatro e presentouse como proceso no ciclo Mulleres en Acción – Violencia Zero en Cambados e Picnic Sessions de CA2M de Madrid. O proceso finaliza de novo no Salón Teatro cunha última residencia e a estrea os días 18, 19 e 20 de outubro.

Segundo a creadora, O que segue “son eu que o sigo intentando, soñando que conseguirei satisfacer completamente a miña necesidade de comunicación. Non pode existir sen a música nin os xuízos das miñas disertacións sobor da realidade. É un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo, a danza e un relato feroz do cotiá, nas miñas contradicións entre a arte e a vida.

O que segue está despois, é unha fuxida cara adiante, un exceso de futuro. O que segue é atopar un xeito de vivir intelixente, de aceptación dunha mesma e das outras/os. O que segue é un novo proxecto de reciclaxe manual das miñas desfeitas que se abalanzan sobre min cando abro o armario do meu cuarto. Unha produción na que quede constancia de todas as miñas habilidades adquiridas grazas os tutoriais do Youtube”.

A música ten un papel importante na nova obra de Balboa: “Levaba un tempo pensando en facer unha obra relacionada coa miña nova faceta de compositora musical, a miña afección por bailar nas discotecas e a miña querenza cara aos textos demoledores. O que segue foi o proxecto que presentei á convocatoria das Residencias Paraíso para materializar a miña busca nunha primeira fase. O apoio outorgóuseme e sen dúbida foi o detonante principal para facer xurdir algo novo que doutra maneira non nacería nese momento nin con esta infraestrutura.


Publicidade

Á diferenza dos meus anteriores traballos, onde sempre había un período de xestación antes de entrar ao espazo de ensaio; en O que segue intentei descubrir o xerme do proceso no propio espazo enfrontándome a el. A investigación in situ xerou unha dramaturxia desde o concepto de baleiro, deserto ou naufraxio consentido, onde a miña relación coa música, que me mantiña a flote, foi xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo”.

O que segue poderá verse ás 20:30 o venres e o sábado, e o domingo ás 18:00.

 

Ficha

Creación, dirección, textos e interpretación: Cristina Balboa
Asistencia dirección: Manuel Parra García
Iluminación: Afonso Castro
Música orixinal: Cristina Balboa
Produción: Manu Lago e Cristina Balboa
Vestiario: Paula Quintas
Espazo escénico e imaxe promocional: Mauro Trastoy
Traducción: Natalia Troitosende
Vídeo: Ángel Sousa
Foto e web: Manu Lago
Difusión: Mónica Mejías · Correveydile
Produción: Funboa Escénica
Coproduce: Centro Dramático Galego – Agadic – Xacobeo 2021 – Xunta de Galicia
Colaboran Colectivo RPM, Concello Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Proxecto PANK, Galicia Danza Contemporánea.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EntremésRoel1 |

Laiovento publica o ‘Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña’, a primeira obra impresa en galego

O Meu Mundo Non E Deste Reino | daramboia

Teatro da Ramboia anuncia a estrea de ‘O meu mundo non é deste reino’ en Ourense