in

Medida x Medida

|

A conspiración

| Manuel Xestoso |
| Foto: Cristina Becerra |

 

Os especialistas en Shakespeare insisten moito en denominar Medida por medida “unha comedia escura”, probablemente porque o autor evitou coidadosamente tomar partido ante os temas morais, éticos e políticos que trata a obra, de tal xeito que a intención última resulta un tanto enigmática. E semella que Quico Cadaval, na montaxe de Producións Teatrais Excéntricas, fixo un esforzo por manter esa actitude neutral, nunha especie de invitación ao público a examinar os valores que se derivan do espectáculo.

A esa escuridade hai que lle engadir un pouso de amargura que procede dunha nunca satisfeita busca de xustiza, do retrato dun mundo no que a única personaxe que parece posuír un mínimo de tenrura e delicadeza, Isabella, queda desarmada por unha simple frase: “E quen cha vai crer a ti?”, saída da boca de quen ostenta o poder. E malia o humor que Cadaval non deixa escapar en ningún momento, ese é o mundo que se nos presenta: corrupto, viciado e tiranizado polos caprichos dos poderosos.

Pero ademais de escura, Medida x medida é unha comedia, e o esforzo tamén vai dirixido a actualizar un humor que talvez xa non resultase tan gracioso aos oídos da audiencia contemporánea, sen perder de vista que o ridiculizado –as relacións entre ética e poder, as arbitrariedades dos gobernantes…– segue mantendo unha enorme actualidade para calquera que siga o telexornal cunha certa periodicidade. Cadaval sabe manter o ritmo da comedia acudindo á variante que cada escena require, axudado por un acertadísimo elenco que atopa o rexistro xusto para cada situación: dende a parella hogarthiana formada por Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez até a irónica distancia coa que Josito Porto –interpretando a Angelo– insinúa estar só un chisco por riba da súa baixeza moral.

O Duque de Evaristo Calvo, non obstante, é o eixo arredor do cal rotan o resto dos personaxes e o debuxo que fai o actor –que consegue que saibamos que o Duque mente con cada palabra que pronuncia– é quizais o que ofrece as dúas claves máis reveladoras da obra. Primeiramente, no seu encontro con Angelo, vemos como a neglixencia apática de un e a hipócrita intransixencia do outro son as dúas caras da moeda con que se pagan a corrupción e a inxustiza. E o cinismo con que lle propón matrimonio a Isabella na escena final –e que deixa a esta comprensiblemente perplexa– reforza a sospeita de que unha conspiración máis ampla da que até ese momento se mostrou en escena manexa as vidas dos personaxes. As vidas de todos nós.

Cadaval traballa na conciliación do humor e a desesperanza coa mesma actitude de rebeldía coa que Bernardino se nega a aceptar unha execución “formal”, negándolle á orde establecida ningunha potestade sobre a súa existencia. Seguimos nun cárcere, e sabemos quen ten as chaves con que se abren ou pechan portas segundo a comenencia dos podentes, pero polo menos podemos rexeitar o discurso redentor dos falsos beatos.


Publicidade

Pensaba Lampedusa que Medida por medida era a obra “máis actual” de Shakespeare, non só pola atmosfera de decadencia moral na que se desenvolve, senón tamén polo cortexo de personaxes “que se expresan coa máis feliz das elocuencias que se escoitou desde unha boca humana. E todos parecen ter razón”. A montaxe de PT Excéntricas fai boa a percepción do autor do Gatopardo e devólvenos unha versión que logra espertar a sospeita sobre a confabulación oculta tras os discursos oficiais.

 

Medida x medida, de William Shakespeare.

Dirección e dramaturxia: Quico Cadaval.
Elenco: Evaristo Calvo, María Costas, Melania Cruz, Víctor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez.
Espazo escénico, vestiario e deseño gráfico: Suso Montero.
Espazo lumínico: Dani Juncal.
Axudante de dirección: Carlos Santiago.
Maquinaria e realización de escenografía: Pepe Quintela.
Xefe Técnico: Octavio Mas.
Fotografía: Cristina Becerra.
Vídeo: Masako Hattori & Marcos PTT Carballido.
Xefe de Produción: Rubén G. Pedrero.
Dirección musical: Bernardo Martínez.
Coprodución co FIOT de CARBALLO.

Teatro Principal de Pontevedra. 10 de outubro de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Rotweiler |

Viana do Castelo celebra o III Festival de Teatro do 10 ao 18 de novembro

EntremésRoel1 |

Laiovento publica o ‘Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña’, a primeira obra impresa en galego