| Foto: Vanessa Rábade |
Esta mañá o 28º Festival Internacional Outono de Teatro presentou O electo, unha co-produción de Contraproducións, Focus e o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo). A estrea absoluta desta creación, baseada nun texto de Ramón Madaula, terá lugar o vindeiro venres 25, ás 21:00, no Pazo da Cultura de Carballo.
A obra, unha versión adaptada polo director, Cándido Pazó, conta con Manu Baqueiro e Antonio Mourelos coma protagonistas. O electo sitúa a acción nos momentos previos á investidura do novo presidente (Manu Baqueiro) da Xunta de Galicia, cando comeza a sufrir un tic choqueiro que lle impide afrontar, con normalidade, o momento. Un psiquiatra (interpretado por Antonio Mourelos) tentará axudar ao recentemente elixido Presidente nesta comedia sobre a función política.
Durante a presentación, o director do FIOT, Alberto Sueiro, destacou o papel do festival como unha “ferramenta imprescindible para a creación”. Pola súa banda, Pichel lembrou que esta é a terceira co-produción que a compañía realiza co FIOT e tanto Pazó, coma Baqueiro e Mourelos salientaron a calidade do dramaturxia, nun traballo que iniciará en Carballo o seu percorrido por escenarios do país.