in

O IV Festival Titiriberia amplía o seu carácter internacional

MamulengoMarceloLafontana |
O artistas luso Marcelo Lafontana e a napolitana Irene Vecchia serán os nomes internacionais que actuarán na barraca que o festival instalará, un ano máis, durante a Feira de Francos.

 

O Festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro. Este ano, o festival afondará na súa vertente internacional a través da presenza na súa programación de artistas procedentes de Italia e Portugal. O cartel de Titiriberia deste ano inclúe o artista de orixe brasileiro Marcelo Lafontana, que lle presentará ao público teense o Mamulengo, o personaxe brasileiro equivalente ao Barriga Verde galego, e a napolitana Irene Vecchia, que traerá ao Titiriberia un dos mellores exemplos existentes dos pulcinella napolitanos, tradición titiriteira con cinco séculos de existencia á que se remonta a orixe do noso Barriga Verde. Deste xeito, o Festival Titiriberia encaixará a tradición do gran personaxe galego do xénero dos títeres da cachaporra nun marco global, ao emparentalo tanto coa tradición europea como coas expresións artísticas do outro lado do Atlántico.

Lafontana actuará en varios pases o luns 11 de novembro na Feira de Francos, dentro da Barraca que Titiriberia instalará no recinto pola Festividade do San Martiño. Ademais, o próximo 12 de novembro, o artista brasileiro afincado en Portugal visitará o IES de Cacheiras para ofrecer unha función ao público escolar dentro da programación paralela nos centros de ensino que este ano Titiriberia leva a cabo baixo o nome de Da barraca á aula.

Pola súa banda, Irene Vecchia ademais da súa actuación na Feira de Francos, ofrecerá un curso de manipulación de monicreques para os profesionais do sector. A implicación destes dous artistas no Titiriberia amosa dúas claves desta cuarta edición, na que o festival pretende por unha banda achegar ao público escolar o xénero dos monicreques e, pola outra, incidir na vertente profesional deste encontro centrado na tradición ibérica dos bonecos que en vindeiras semanas dará a coñecer o conxunto da súa programación para este 2019.

 


Publicidade

Dúas exposicións

Entre as actividades paralelas que desenvolve o Festival Titiriberia, destaca o apartado dedicado as exposicións. Dúas mostras achegarán ao público a historia e a tradición do xénero. A primeira delas xa está aberta dende o pasado 15 de outubro na Piscina Municipal e permanecerá aberta até o 15 de novembro, día no que remate a cuarta edición de Titiriberia. Baixo o título de A grande familia do títere europeo, a exposición afonda na xenealoxía de Barriga Verde e do resto de personaxes da tradición continental. Así, nos paneis informativos poderemos coñecer a Pulchinella, Punch, Guignol ou Kasper.

A segunda exposición situarase na propia Feira de Francos os días 10 e 11 de novembro. Co lema Onde foi Barriga Verde?, a mostra ofrecerá unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento, a historia da familia Silvent, a importancia das feiras, o patrimonio inmaterial ou a tradición dos títeres europeos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DancingWithFrogsSolPico |

Sol Picó no TRCDanza 2019

OElecto©VanessaRabade |

Contraproducións presenta ‘O electo’ en Carballo