Xoán Carlos Riobó presenta hoxe, no IES Rodeira de Cangas, ás 20:00, Acariñando os desexos e A viaxe de Burhan (Fervenza), dous textos teatrais dirixidos á mocidade nos que cristalizan moitas das experiencias do autor no traballo co teatro escolar e amador. O autor reivindica ese traballo coa base para formar públicos que fortalezan o sistema teatral e para ampliar os horizontes culturais dende a comunidade. | Vanesa Sotelo |
Como nace a túa necesidade de escribir para a mocidade?
Habería que preguntarllo a Darwin, porque é cousa da evolución. Eu comecei a traballar coa infancia. Representei obras de moitos autores. Chegou un momento que era difícil manter a calidade. Coas crianzas fixen unha adaptación do Retábulo das marabillas de Cervantes, que sería publicado pola Editorial Fervenza no ano do Prestige. É unha crítica sobre o que representou ese barco para a nosa xente e as nosas costas. Aí foi cando sentín a necesidade de escribir por primeira vez.
Cos adolescentes pasaba un pouco o mesmo. Ou ías aos clásicos ou os textos contemporáneos non te enchían totalmente. Eu quería falar dos problemas reais da mocidade. A adolescencia é a etapa da vida na que o talo e as follas estanse formando. Comezas a ser consciente do teu corpo e andas na procura da túa identidade. Xorden os amores e desamores. As relacións coa familia e as amizades cambian. Nese tempo tan curto decides o rol que vas ocupar na sociedade. Hai tantas cousas interesantes de que falar, que descubrir… É tan bonito… Cando conseguín distanciarme dos meus medos comecei a escribir das súas, das miñas necesidades. Eu tamén necesito experimentar e crear para comprender.
Acariñando os desexos e A viaxe de Burhan son dúas pezas que abordan as cuestións da agresión sexual e da guerra, respectivamente. Nelas, o amor e a morte parecen unha constante que parece entrelazarse. Como realizas a escolla dos temas de cada proxecto?
Poño a mirada na xente do grupo e nos demais, nas inquietudes que teñen, nos temas que falan, nas formas de relacionarse. Ten que haber algo que me interese e que eu pense que lle pode interesar e achegar aos alumnos. Non hai que esquecer que estamos a falar de centros educativos onde hai persoas que se están formando.
Concienciar é importante. A agresión sexual é un tema que me preocupa. Non podo concibir que unha persoa abuse de outra e lle deixe secuelas para o resto da vida. En Acariñando tratei de explorar os instintos animais inherentes ao ser humano. Inherentes, pero non imposibles de controlar. Escribín A viaxe de Burhan porque a guerra de Siria causoume moita dor. É como na peli A vida de Brian, na escena da lapidación. Todos e todas querían tirarlle pedras ao feble que non se podía defender. Que gracioso! Os rapaces deben ser conscientes dos males universais para erradicalos. Eu son tan soñador como Burhan, mais a utopía é moi difícil de conseguir.
Con respecto á outra pregunta que me acabas de facer, o amor e a morte xuntos, talvez representen o amor imposible ou idealizado, ese amor que anhelas e non acaba de chegar, ou morre no intento. Curioso, nunca pensara na relación entre os dous. Unha amiga dicíame que o primeiro é quererse a un mesmo.
Acariñando os desexos foi estreada polo obradoiro de teatro do IES María Soliño en 2014 mentres que A viaxe de Burhan foi levada a escena polo grupo de Teatro A Réplika do IES Rodeira en 2016. Cales son os teus principais desafíos á hora de escribir con e para adolescentes?
Un desafío é acabar o texto canto antes para que vaian avanzando nos ensaios. Sofres moito porque unha vez entregado non podes cambiar cousas nin engadir outras, aínda que ás veces non me podo resistir. Outro desafío é o de falar honesta e libremente. En Acariñando… xurdiu a autocensura. Estiven moi preocupado por resolver a escena do intento de violación. Non sabía como ía ser recibida polo público. Optei polas sombras, que describían no palco ese momento tan expresivo corporal e simbolicamente. Ao final contei o que quería contar, foi moi ben acollida e as miñas preocupacións desapareceron.
O conto tradicional de Carapuchiña vermella e a Odisea emerxen como base destes dous textos que vén de editar Fervenza, permitindo pensar que estruturas o teu traballo sobre a adaptación e a revisión de pezas moi asentadas no noso imaxinario. Que claves e que referentes recoñeces como habituais na túa escrita?
O conto popular sempre me interesou. Tamén recollo clásicos como O enfermo imaxinario, Fausto ou Romeo e Xulieta. Aínda seguen a pasar as mesmas cousas. Antes pensaba se o meu sería a adaptación. As veces sigo a estrutura do texto, mais case sempre vou por libre e o interpreto ao meu xeito. Carapuchiña vermella levaba anos gardada no caixón esperando o seu momento. Dela, en Acariñando os desexos, utilizo os mesmos espazos pero falo de outras cousas. Os personaxes da Odisea metinos no medio da migración Siria, simplemente porque pensaba que tiñan que estar. Os desprazados pasaban por Grecia e vin o momento. Cando levei as siluetas dos personaxes a clase, só unha rapaza os coñecía. Foi un bo pretexto para falar deles e da Odisea. É cultura.
En A viaxe de Burhan combinas o teatro de actor co teatro de obxectos. Como nace esta proposta?
Persoalmente considero ao teatro de obxectos para adultos como a forma de expresión máis artística que existe. Podes utilizar calquera cousa e darlle vida sen límites. As atmosferas que crean, os espazos sonoros, o mundo do onírico. Desgraciadamente é o máis ignorado polo público.
En Burhan, quería facer algo artístico, próximo, alternativo, que se mirase o teatro de cerca, as engrenaxes artesanais. Que non falaran só as palabras senón tamén as imaxes. Primeiro quería traballar con marionetas pequenas pero a manipulación era complicada. Despois apareceu o papel e a papiroflexia. Os bonecos eran moi ríxidos e non se podían manipular, mais daban unhas imaxes emotivas. Rosalía é todo un poema para falar da migración e da dor. Foi ela quen lles deu as palabras. O mundo das sombras tamén desempeñou un papel importante.
Julia Abal asina as ilustracións que acompañan as dúas obras, como inflúe o seu traballo sobre a recepción da peza?
Julia é a artista coa que me relaciono e confío. Xa ten feito escenografías para os grupos dos institutos. A de Acariñando os desexos é dela. Lembro que pasamos horas traballando para buscar texturas con diferentes líquidos proxectados cun retroproxector. Ela é tamén a ilustradora dos dous textos. Eu podo facer algún comentario pero dou total liberdade á hora de crear. Non me podo meter no seu traballo. Nos textos están as miñas imaxes e nas ilustracións, as dela. Os dous compleméntanse para contar o mesmo.
Moitas veces sinálase o público xuvenil como un público perdido. Que podemos facer para atraelo?
Esta é a eterna pregunta. De nenos van ao teatro porque os levan os pais ou porque os centros organizan algunha actividade. De mozos, os pais perden influencia e quedan as campañas escolares. Por outra banda, hai unha serie de programadores que non arriscan nas propostas. A mocidade ten que ver de todo, e se a única vez que van ao teatro, póñenlle unha obra en inglés, malo. É paradoxal que a política cultural dos distintos gobernos vaia en contra da cultura. O panorama é moi complicado e non teño respostas, só esperanza.
Es o director do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo e dirixes diferentes grupos de teatro escolar, como calificarías a saúde do teatro de base no Morrazo?
No Morrazo está a Mostra de Teatro Escolar, na que participan os grupos dos distintos CEIP de Cangas. En secundaria existen actualmente seis grupos de teatro que representan as súas obras na Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo e tamén no CITEAMOR. Pola ESAD pasaron e pasan moitas persoas que se engancharon ao teatro nestes centros. Ese tamén é parte do noso traballo. Despois hai tres asociacións de persoas con algún tipo de discapacidade que teñen o seu grupo teatro. Tamén hai outras asociacións seniors que preparan unha obra cada ano. A EMAEC ten alumnos de todas as idades. Sen contar con primaria, actualmente hai 17 grupos de teatro no Morrazo. A cantidade sinala boa saúde, mais as persoas que van ver outros espectáculos tanto de teatro amador como profesional, son poucas. Faise teatro pero non se crea público amador do e desde o teatro.