O Teatro Rosalía de Castro da Coruña celebrará o vindeiro mércores 20 de novembro, ás 20:30, a vixésimo terceira edición do Memorial Ibán Toxeiro, da man da agrupación Alexandre Bóveda. O memorial rende homenaxe á figura de Ibán Toxeiro, actor afeccionado desaparecido e ao que se lle dedica esta iniciativa dende hai vinte e tres anos.
O Ibán Toxeiro quere ser un agarimo da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ao servizo da escena do país, con varias propostas novas e anovadoras para amosar o teatro actual, nesta edición con especial atención ao teatro de títeres, ao de máscaras e ao circo. Participarán:
- N+1, con Evolution.
- Caramuxo Teatro, con Pavillón Lino.
- Tanxarina, con Titiriteiros.
- Ventrilocuoloxía, con O Gran don Pedro e o seu boneco Robertiño.
- Grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda, con O drama do cabalo de axedrez (de Rafael Dieste).
A velada será presentada por Sabela Hermida e conta coa dirección de Lino Braxe. A entrada é de balde.